Telerreparto co mellor pan de Cea

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ |

OURENSE CIUDAD

Nova entrega de «Sobre rodas», desde as 21.38, na cadea privada galega

15 jun 2010 . Actualizado a las 14:12 h.

Nova entrega en V Televisión de Sobre rodas , un espazo que achega o labor diario de profesionais que logran cumprir o seu traballo utilizando vehículos de todo tipo. Hoxe, a partir das 21.35 horas, terceira entrega deste documental producido por Massvisual que mostra o lado máis humano destes traballadores que viven na estrada.

A primeira testemuña do programa é a de Fran. Naceu en Murcia, aínda que, como a moitos, o amor levouno ata Vigo. Na cidade olívica desenvolve o seu labor como profesor de autoescola, un traballo que di que lle encanta porque a súa vocación sempre foi a ensinanza.

Ó longo deste espazo, Fran preséntanos a unha das súas alumnas máis veteranas, Feli, das poucas persoas da súa idade (case chega ós setenta anos) que deciden sacar o carné de turismo, máis complicado pero coa mesma ilusión que unha persoa de dezaoito. Practica co vehículo polas sempre complicadas rúas de Vigo.

Con Fran, o espectador de V Televisión coñecerá que o traballo nunha autoescola non é nada doado. Os profesores teñen que andar con todos os sentidos postos e aguantar, en xeral, a pouca comprensión dos condutores.

Pola súa parte, Carlos ten o orgullo de elaborar o mellor pan do mundo, o de Cea, unha localidade situada a pouco menos de vinte minutos de Ourense.

Para moitos, o pan que aquí se elabora é un manxar. De feito, é o único de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida. Grazas a Carlos non é un produto exclusivo desta zona e chega a moitos puntos da Península. Tres veces por semana, Carlos carga a súa furgoneta coas bolas de pan para levalas desde o seu forno en Cea ata cidades como Vigo ou Pontevedra. Isto parece máis sinxelo. Tan so é cuestión de facer quilómetros por estradas ben comunicadas, pero o negocio de Carlos afronta tamén outros retos. O seu pan pode chegar mesmo ata países como Xapón ou Vietnam en perfecto estado, xa que a materia prima e de primeira calidade. No programa verase como é capaz de facelo.