Mondoñedo, de cine

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

CAXOTO

Opinión

27 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mércores, 21 de xuño, o mesmo día que comezou o verán, Televisión Española (TVE) programou dentro do ciclo “Historia de nuestro cine” que se emite de luns a venres ás dez da noite a película “Flor de Santidad” (1973). Ese mesmo día, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá anunciou a través dunha nota de prensa que a XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo estará adicada ao mindoniense Victoriano López García e ao binomio Mondoñedo-Cine.

Producida por Avenir Films-Azor e dirixida por Adolfo Marsillach “Flor de Santidad” foi rodada en 1972 e estreada un ano máis tarde, o 26 de marzo de 1973 no “Cine Paz” de Madrid. Rodouse en diferentes localizacións de Galicia (Santiago de Compostela, O Cebreiro....), recolle imaxes da praza da Catedral de Mondoñedo, Pazo Episcopal, Fonte Vella e do pazo de San Cidre, no Couto do Outeiro.

O guión de Pedro Carvajal e Adolfo Marsillach está baseado na novela homónima de Ramón María del Valle-Inclán. Describe unha Galicia empobrecida e supersticiosa do século XIX na que un misterioso peregrino abusa dunha campesiña adolescente nunha corte. Os labregos pensan que o camiñante é un enviado do demo e perségueno ata acabar coa súa vida.

Nas secuencias da película rodadas en Mondoñedo participaron moitos extras e auxiliares de produción locais, entre eles varios membros da familia Sordo (dos Barrendeiros), Xaquina da Cordeira, Rosa Rodríguez, Celina Rejes, Florentino Losada, Pedro da Forneira, o Paragüeiro, Pascual Ares, Carlos González e os pícaros, Daniel Rio “Caxigueiro” e Juan Sante Alfonso Fernández (Alfondo do Chalán). No momento da estrea xa non había salas de cine en Mondoñedo, o lugar máis próximo onde se proxectou foi no cine “Principal Cinema” de Lourenzá, tal foi a expectativa que causou que se fretaron varios autobuses para que os mindonienses puidesen acudir ás proxeccións.

Rodaxe

Alfonso Zarauza e Jaione Camborda rodarán en Mondoñedo no mes de novembro a película «ARIMA» para a produtora Esnatu Zinema. Diferentes localizacións do municipio de Mondoñedo servirán de escenario natural para a rodaxe dunha produción cinematográfica con guión e dirección da cineasta vasca Jaione Camborda.

Segundo adianta a produtora, “Arima” é a historia de cinco mulleres e unha nena nun lugar chamado Arima que se ven afectadas de diferentes xeitos pola chegada de dous homes ás súas vidas. Un deses homes busca ao outro para matalo. Neste estado de tensión móvese toda a trama de relacións que se establecen entre todos eles.

Película coral

A natureza da historia en Arima é a de ser unha estrutura, unha cunca ou dalgún xeito unha escusa para poder indagar en emocións, sentimentos e inquedanzas que están na esencia da historia. É, polo tanto, no formal e a través da linguaxe fílmica que se desvela o discurso e se eleva con máis forza que a propia historia. Trátase dunha película coral na que unha das mulleres actúa como pedra angular, adquirindo máis protagonismo e as demais insinúanse como alteregos ou fragmentacións desta. Estes personaxes teñen autonomía propia e na historia funcionan como personaxes completos, pero é a través de ferramentas fílmicas formais que se establecen como ecos unhas doutras e suxírese sutilmente a sensación de unidade de todas elas. Polo que parece, preséntase un verán de cine. Gocémolo.