Secciones

Tu edición

Sonia González: «Agora hai máis familias que precisan axudas económicas, e van aumentar»

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais promoveu unha bolsa de emprego no inicio da pandemia que «funciona ben»

La Voz de Galicia

Un estudo do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), con información recabada entre o seu colectivo de profesionais durante a crise do covid-19, conclúe que «hai persoas que aínda non acceden aos servizos sociais, e que o farán no momento que deixen de depender de axudas de familiares ou veciñais. Algún concello xa duplica nesta crise os apoios que prestan ás familias. Inicialmente foron sobre todo axudas de alimentación e outras necesidades básicas. Agora ten que haber un mellor acompañamento ás persoas», afirma Sonia González, vogal da entidade.

Como consecuencia dese traballo «para os concellos de máis de 20.000 habitantes fixemos unha carta de propostas a medio prazo, para que contemplen reforzar os equipos de apoio ás familias e a menores de especial vulnerabilidade. Notamos como, en xeral, nos concellos agora hai máis familias que precisan axudas económicas, e van aumentar máis; e tamén as usuarias de servizos sociais», acrecenta.

Así, este colectivo profesional propón que «maioritariamente se necesita seguir reforzando os equipos de intervención social. Tamén se reclama unha maior coordinación cos centros escolares de forma continuada e permanente. Están aparecendo moitas situacións que non estaban sendo abordadas. Coa crise do covid-19 aumentaron as familias en situacións de vulnerabilidade por causa dos ERTE e doutras consecuencias do estado de alarma. Son persoas coas que non se traballaba desde os servizos sociais, en parte por falta desa maior coordinación que reclamamos», manifesta Sonia.

Os profesionais da educación social traballan en centros e servizos como residencias de persoas maiores, de protección á infancia, de menores, con persoas sen teito, atenden a vítimas de violencia de xénero, drogodependencias, asistencia a persoas con diversidade funcional, e outras atencións. Son «recursos de primeira necesidade, nos que a educación social leva a cabo un importante traballo de acompañamento socioeducativo», defende Sonia.

A sede do Ceesg, en Santiago, centraliza unha bolsa de emprego, que funciona desde o inicio da pandemia. Xestionan ofertas para exercer como monitores de ocio e tempo libre, técnicos de educación ambiental ou orientación laboral, educadores familiares, de intervención sociolaboral, na docencia, e outras. Son ámbitos onde ten presenza esta especialidade das Ciencias da Educación, que é unha titulación da USC e doutras universidades. «Esa bolsa de emprego funciona ben. Serviu para cubrir demandas laborais e contribuíu para a conciliación de profesionais que precisaron reducir xornada para atender as súas familias; para aumentar a atención a menores que tiñan o costume de saír a visitas coas súas familias e nesta temporada non se puideron facer, ou reforzar o persoal de servizos de protección, entre outras demandas», indica.

Tamén participan nun proxecto de investigación de varias universidades sobre o papel da educación social nesta crise do covid-19. «Comprobamos como nos momentos iniciais desta pandemia houbo preocupación por problemas como a falta de EPIS, que se foron solucionando. Vimos a necesidade de reducir a fenda dixital, pois moitos concellos ofrecen apoios como fotocopia de tarefas escolares, achegas de wifi e equipos informáticos, e hai familias que non saben utilizar eses recursos. Tamén cómpren espazos para a expresión de situacións de maltrato de menores que se dan no confinamento. Trasladamos moitas propostas para a Xunta e para os concellos, que esperamos as valoren e as teñan en conta», indica Sonia.

Etiquetas: Xunta de Galicia ERTE Santiago ciudad USC Coronavirus