La Voz de Galicia

Juan Carlos Díaz del Valle: «Imos ter que axudar a persoas con danos»

Sociedad

melissa rodríguez carballo / la voz

O psiquiatra carballés fala de como pode afectar o confinamento ás persoas e do seu caso persoal. Recibiu a alta médica por coronavirus e traballa no regreso de Xocaloma

19 Jan 2021. Actualizado a las 19:24 h.

O psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle (nacido na Coruña no ano 1957, pero afincado en Carballo dende a infancia) forma parte desas persoas que están traballando en primeira liña para combater o coronavirus. No seu caso, no Hospital Marítimo de Oza para facerlle un confinamento máis agradable a aquelas persoas que padecen algún tipo de trastorno mental. Fala dos casos cos que se está atopando e doutros moitos que poden xurdir nunha situación que a el lle afectou directamente. Foi enfermo de COVID-19 e xa recuperado está de novo no seu posto de traballo.

-Como está levando a situación no seu traballo?

-No meu caso, coordino programas de trastorno mental grave que inclúen dende programas de hospital de día con pacientes con patoloxía grave, ata atención nas residencias sociosanitarias ou no domicilio de persoas con graves dificultades. E tamén traballo con psicólogos, enfermeiras, terapias ocupacionais, etcétera. A maioría dos casos tratámolos por vía telefónica ou por outros medios telemáticos. Só recorremos á presenza física cando non queda máis remedio. Esta situación estámola levando ben, sobre todo pola colaboración de todos.

-Incrementáronse os casos de persoas con este tipo de problemas debido ao confinamento?

-No meu caso, son pacientes que xa tiñamos. O problema son as novas persoas con novos diagnósticos. Aí si que creo que vai haber que reforzar o sistema cando isto remate ou proximamente, porque no meu hospital puxéronse en marcha programas de axuda a sanitarios que están traballando na UCI, en urxencias, en plantas COVID... pois a situación de tensión está xerando cargas afectivas e problemas de ansiedade. Pero si que é certo que imos ter que axudar a persoas que o confinamento lle provocou danos. Estamos vendo en pacientes que padecen depresión ou ansiedade, que o feito de estar confinado lle incrementa o seu problema con alteracións do sono, da conduta... E non é igual estar confinado nun chalé que nove persoas nun piso de 60 metros cadrados. Entón, haberá que dar solucións individualizadas para cada caso.

-Pódese chegar a situacións limites como os suicidios?

-Non teño datos, pero polas chamadas telefónicas que recibo dos meus doentes, a maioría dos problemas que me transmiten son unha maior tristeza, ideas pesimistas... pero de descompensación aguda, non. Tamén é certo que cando isto xurde, as persoas adoitan acudir aos servizos de urxencias e, en caso de situación grave, acaban ingresados na unidade de hospitalización.

-Para as persoas con algunha patoloxía, como se incrementaron as medidas de seguridade?

-Na nosa área, sempre que se pode están nunha habitación individual, limítase o aforo e todos os profesionais traballan con medidas de prevención así como no caso dos pacientes que veñen dos seus domicilios para administrar algún tratamento hospitalario. A ese nivel creo que estamos facendo as cousas ben. Por outra banda, a maioría das persoas que teñen algunha patoloxía deste tipo viven acompañadas, e incluso aquelas que vivían soas, ao empezar o confinamento se desprazaron á casa dalgún familiar. E no caso das que viven soas, teñen maiores dificultades, pero o feito de poder contactar con nós fai que vivan de forma agradable.

-Que consellos lle daría á xente para non caer nun trastorno neste momentos tan difíciles? Cales son os grupos máis vulnerables?

-Primeiro están as persoas que xa tiñan patoloxía previa. Isto pode agravala. Despois, as que viven soas. Sobre todo, de maior idade. Os consellos son sinxelos: intentar deitarnos e erguernos á mesma hora; utilizar a cama para durmir no senso de non empregar a televisión ou a radio para conciliar o sono; pola mañá, despois de asearnos, vestirnos con roupa cómoda, pero distinta á que usamos para durmir; facer actividade física; manternos ocupados dalgunha maneira…

-Poden ser as redes sociais algo negativo?

-Se se fai un uso adecuado delas non teñen por que ter problema ningún. De feito, serven para contactar con persoas cas que non podemos estar. Pero o exceso de información e estar en grupos que en vez de aportar irritan… non é boa cousa.

-Que protocolo de actuación recomendaría para unha persoa que se sinta mal?

-Buscar apoios psicolóxicos. Dende o Colexio de Psicoloxía de Galicia estase a facer moi bo traballo. Certos concellos, tamén, apoiándose en profesionais. Hai que ter unha escoita activa, empatía, e dar pautas individualizadas.

ANA GARCIA

«Espero que isto sirva para ser unha sociedade mellor no futuro»

Juan Carlos Díaz del Valle ten unha perspectiva máis ampla disto que está a pasar co coronavirus, pois viviuno en primeira persoa. Xa recuperado, fala da experiencia vivida e do futuro que está por vir, moi ligado a Xocaloma, grupo carballés de música tradicional galega e folk que marcou toda unha época e que agora traballa para facer real o seu regreso.

-Como padeceu vostede o COVID-19?

-O 18 de marzo comecei a ter síntomas, pero xa o superei e estou traballando dende o pasado luns. No meu caso tiven sorte, pois as cousas foron ben. Diagnosticáronme un problema respiratorio e tiven que estar ingresado no hospital. Ao principio, estás algo asustado, pero o trato que recibín foi marabilloso por parte de todo o mundo.

-Dende a súa experiencia, que mensaxe lle lanzaría a poboación? Estanse vendo todo tipo de reaccións sociais negativas.

-Diríalles que sigan os protocolos que nos indican as autoridades sanitarias. Envíolles unha mensaxe de optimismo, pois cada vez saímos máis deste virus debido aos avances. Tamén de apoio, solidariedade e cariño a todas as familias que perderon a seres queridos por esta situación. De todo isto quedo co positivo como é a solidariedade da xente, que todo o mundo estea xunto para loitar contra isto. Vivimos nun país marabilloso no senso de que son poucas as persoas que nas redes sociais e nos edificios se dedican a facer comentarios negativos de sanitarios. Espero que sirva para ser unha sociedade mellor no futuro.

-Sabe como puido contaxiarse?

-A verdade é que non, porque no equipo de traballo no que estou fun o único contaxiado, salvo unha paciente que se contaxiou.

-Como vive o confinamento?

-Agora moito mellor, pois saio a traballar polas mañás, polas tardes atendo telefonicamente aos pacientes da miña consulta en Carballo e na Coruña, e leo artigos sobre temas de saúde mental que veñen de China, de Inglaterra, de persoas que están investigando cales son as circunstancias que están vendo, para cando isto pase reflexionar se podemos facer un estudo a nivel galego de cales foron as repercusións e cal é a mellor forma para poder facer terapias máis eficaces. A corentena leveina ben ao estar acompañado dunha guitarra, dunha zamfona, de lecturas e dunha bicicleta estática cando xa me atopaba mellor.

-Fálenos de Xocaloma. Aí atrás retomaron a actividade.

-Si, na homenaxe a Brañas pedíusenos musicar un poema, facer un recital, e a raíz de aí, a xente quería que volveramos e agora estabamos inmersos nun proxecto novo baixo a dirección artística de Dani García, que é un músico da Coruña que xa estivo con nós hai anos. Cando isto pase, retomaremos a iniciativa.

-Quen participará e que liña seguirán?

-Dolores Platas, Joaquina Ávila, Juan Carlos Cancela, Fernando Fidalgo, Jorge Campos e eu, co apoio dun contrabaixista e dun batería que son do equipo de Dani. Queremos seguir coa liña de sempre, creando temas novos e, á vez, modificando outros históricos.

 


Comentar