La Voz de Galicia

Os Xenerais da Ulla de Teo salvan a tradición nun inédito atranque virtual

Teo

P. Calveiro Santiago / La Voz

O entroido dixital organizado polo Concello, coa colaboración de asociacións locais, arrancou onte en Rarís coa pandemia e as chanzas como principais protagonistas

01 Feb 2021. Actualizado a las 04:55 h.

O entroido ganoulle a partida á pandemia en Teo, onde buscaron unha fórmula para facer chegar os tradicionais atranques ás casas sen poñer en perigo a saúde dos participantes. Dous Xenerais da Ulla, da parroquia Rarís, foron os primeiros en estrearse nas coplas e vivas virtuais. Non puideron este ano percorrer as aldeas a cabalo, nin xuntar aos veciños no campo da festa, pero Miguel Peteiro e Alejandro Barreiro metéronse nas pantallas dos fogares a través das redes sociais e do YouTube para manter así o espírito dunha celebración que se remonta a mediados do século XIX, herdada de xeración en xeración.

O entroido dixital teense, bautizado como EntroidOn, comezou con retraso, como adoita todo atranque prezado. A intervención dos Xenerais veu precedida por unha montaxe audiovisual, poñendo en contexto a iniciativa. «A tradición non ten presente e o futuro non só é pasado», destacábase nesta presentación, na que se recorreron tamén algúns dos enclaves históricos do municipio.

Dende a aldea de Vilela, Miguel Peteiro, abría o enfrontamento dialéctico dos Xenerais de Rarís: «Xente diante de min / Por favor ben separados / Non te vou deixar pasar / Pois estamos confinados». Collía o relevo logo, dende o lugar de Fornelos, Alejandro Barreiro: «Vou quitar a mascarilla / Para que me entendas ben [...]».E respondía o de Vilela: «Con esa cara que tes, cuspidiña a dun sapo / Mellor que a teñas posta, que estas moito máis guapo». As chanzas e a pandemia foron protagonistas nas coplas artelladas por Diego Mallo e Damián Seijo, da asociación cultural Pozo da Xerpa de Rarís, e remataron cun chamamento a non perder a ilusión e a respectar as normas para vencer ao covid e así poder festexar polo alto o entroido no 2022.

O EntroidOn, organizado polo Concello coa colaboración das asociacións locais, continuará os días 6 e 7 en Reis e o 13 dende a parroquia de Teo.


Comentar