La Voz de Galicia

Aser Álvarez: «Rehabilitamos a Prisciliano fóra do ámbito académico, é unha figura esencial»

Santiago ciudad

Montse García

Un documental divulga a figura do bispo do século IV a partir das últimas investigacións

03 Apr 2024. Actualizado a las 04:55 h.

«A figura de Prisciliano foi rehabilitada no ámbito académico, pero fóra del sábese moi pouco e con pouca base científica». Para tratar de acabar con esa eiva, a produtora Arraianos creou a curtametraxe documental «Prisciliano e a Gallaecia», na que reúne a unha ducia de investigadores de distintos países que estudaron a figura deste bispo do século IV para percorrer a súa vida e reivindicar a súa importancia non só para Galicia, senón tamén para Europa. Un traballo audiovisual dirixido por Aser Álvarez que onte se preestreou ante alumnado do IES Rosalía de Castro

«Queremos rehabilitar a Prisciliano fóra do ámbito académico. [...] É unha figura esencial, transcendental, do século IV, non só en Galicia, senón tamén en Europa», apuntou Aser Álvarez. Para este documental, que dura en torno a media hora, contou co arqueólogo Diego Piay como asesor histórico, que vai facendo tamén un percorrido por todos aqueles lugares vinculados á figura de Prisciliano, como poden ser distintos emprazamentos de Galicia como Lugo, Valga, Quiroga ou o propio Santiago, pero tamén a aqueles puntos polos que se estendía a provincia de Gallaecia, como Palencia, Astorga, Ávila e Braga. A ese percorrido e ás voces dos expertos para trazar a biografía engádeselle como nexo o traballo do artista Tono Correa Corredoira, que vai elaborando distintas obras inspiradas na figura de Prisciliano.

Por que ese descoñecemento e esa imaxe distorsionada a nivel social de Prisciliano? «Porque se falou moi mal del durante moitos séculos. [...] É unha figura moi descoñecida e inxustamente tratada pola historia, porque foi un dos perdedores e os que lle cortaron a cabeza foron os que contaron a historia», responde Aser Álvarez. Así destaca que Prisciliano «foi un avanzado para o seu tempo», lembrando como denunciaba a corrupción da igrexa e defendía que as mulleres puideran ser sacerdotisas. Ao respecto, apunta que hai que reivindicar a súa figura porque «no século XXI a súa mensaxe é moi interesante, ese renunciar á riqueza e apuntar que a felicidade está dentro dun», incidindo ademais que «non era un herexe, senón que o acusaron para quedarse cos seus bens».

A intención de Aser Álvarez é levar esta curtametraxe documental por distintos puntos de Galicia e deses territorios ligados a Prisciliano, así como de envialo aos centros educativos para que poidan coñecer máis sobre Prisciliano. Trátase de trasladar esas últimas investigacións académicas sobre Prisciliano dun xeito divulgativo a sociedade. «Para min tamén era unha misión pendente despois do encargo que me fixo Ramón Chao», apuntou. Pero a intención é que non se quede aquí o traballo, senón que sexa un primeiro chanzo para facer un documental maiores dimensións.


Comentar