La Voz de Galicia

Santiago antes de Santiago

Santiago ciudad

quique alvarellos

O subsolo da Catedral contén un cemiterio romano

17 Jun 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Un dos aspectos que máis me seducen de Compostela é a historia de Santiago antes de Santiago. A Compostela romana e prerromana. Precisamente esta semana coñeciamos o achado de dous novos petróglifos na parroquia de Figueiras. O colectivo A Rula, dedicado ao estudo da arte rupestre na comarca, atopou dúas novas pegadas dos nosos antergos máis antigos, dous petróglifos que se veñen a sumar a un catálogo numerosísimo de esta arte en pedra de máis de 4.000 anos de antigüidade, que sitúa a Compostela como un lugar atractivo para o seu estudio e divulgación. Adoito visitar o petróglifo do Castriño de Conxo e tamén subir ao Pedroso e dende o seu petróglifo ollar o silencio do val ao oeste... Na toponimia da cidade está presente tamén esa pegada prehistórica (porta da Mámoa, Volta do Castro, Rúa do Castro...).

Do «Santiago antes de Santiago» imos falar hoxe. Hai un par de semanas, o Arquivo de Galicia subía ao seu espazo de Facebook, entre outras, esta imaxe que hoxe recollemos aquí, relativa á escavación arqueolóxica dirixida, entre 1947 e 1959, polo historiador Manuel Chamoso Lamas (La Habana, 1909-A Coruña, 1985). A fotografía mostra o subsolo da nave central da Catedral. Chamoso Lamas descubriu que a basílica xacobea agochaba debaixo un gran cemiterio de orixes romanas, necrópole que chegaría ata o tempo dos suevos. A imaxe desta nave aberta de leste a oeste é impresionante. Setenta anos antes houbera unha campaña arqueolóxica precursora, a emprendida por Antonio López Ferreiro cando en 1879 atopara o perdido sartego que, segundo a tradición, contiña os osos do Apóstolo e dos seus discípulos, o que hoxe é a cripta.

Agora, mediados do século XX, as escavacións de Chamoso Lamas deixaban ao descuberto ducias de tumbas e lápidas, entre elas a do bispo Teodomiro (hoxe exposta arriba, na nave lateral dereita do templo), e tamén as pegadas dunha mansión (ou parada) na Vía XIX (a calzada romana que unía a actual Braga con Astorga), calzada que entraría por Conxo e sairía por San Pedro, segundo apuntaron en 2003 Suárez Otero e Caamaño Gesto (coautores de Historia da cidade de Santiago de Compostela): é a coñecida como Aseconia. Tamén xorden no subsolo fragmentos da primitiva muralla defensiva da futura cidade ou un importante poboado romano baixo a actual Quintana...

En suma, unha cantidade enorme de historia de Compostela antes de Compostela, aínda pendente de estudos e conclusións determinantes. Por exemplo, quizais a cuestión máis relevante: Determinar se toda esta infraestrutura naceu para dar un culto concreto a alguén, ou a algo...

Hoxe, en calquera caso, temos a fortuna de poder visitar esta xoia da pre-Compostela en calquera das visitas guiadas ao subsolo da Catedral que a basílica organiza ás 16 horas (previa reserva). Paga a pena somerxerse nesta singular viaxe e ir logo sacando cada un as propias conclusións...


Comentar