La Voz de Galicia

Unha veciña restaura o único muíño de auga que moe en Dodro

Dodro

uxía lópez dodro / la voz

Fíxoo a título particular e xa ten previsto visitas de escolares

06 Aug 2022. Actualizado a las 05:05 h.

No fermoso entorno do río Arregañada, en Teaio, hai un conxunto de oito muíños de auga, pero so un deles funciona, o da Sorralleira, por desexo e loable iniciativa da veciña Isabel Sóñora Gómez, unha sanitaria de 51 anos natural desta aldea do municipio de Dodro. O muíño, que ten documentada a súa existencia dende 1936, aínda que é máis antigo, tal e como sinala a titular, é o único que funciona de todo Dodro, segundo indica o concelleiro de Patrimonio, Xoán Xosé Vicente, que valora e agradece a restauración por parte dun particular dun elemento tan importante na historia de Galicia.

Historia ten tamén o propio muíño, de xeito que o seu primeiro titular regaloulle as ruínas do mesmo a dous caseiros da aldea a cambio de que mantiveran a eira limpa. Deste xeito, no ano 2005 a familia Liberto de Teaio, que é así como se coñece a casa natal de Isabel, mercou unha metade e no Nadal pasado fixo o mesmo coa outra, polo que a veciña xa se puxo coa restauración completa do elemento, que «nunca deixou de moer», conta Isabel Sóñora.

Así, ademais de rehabilitar as pezas en mal estado, tamén as identificou, de xeito que o interior semella agora un museo etnográfico dedicado ao muíño. Xa recibiu a visita de escolares de Dodro e ten prevista algunha máis, pero cando poida botar o muíño a moer millo xa que, polo de agora, o río non leva auga suficiente para facelo.

Na súa casa aínda cultivan millo para as galiñas e ovellas, ademais de facer pan, polo que precisan moer o gran, relata Isabel Sóñora, quen ten palabras de agradecemento para os seus pais, o seu home e a súa irmá Delia por axudala e apoiala no que ela define como un decisión froito do «sentimentalismo», en alusión a recuperar un elemento que foi parte da súa vida de nena. «Eu vivía moito isto de vir ao muíño a moer», afirma Isabel, quen tamén acondicionou o camiño de acceso ao mesmo.

O resto dos muíños do conxunto están en desuso, pero esta veciña de Teaio quere propoñerlle a asociación parroquial falar cos donos para limpar o seu entorno e crear unha ruta para visitalos, xa que se localizan nun espazo natural moi fermoso. Para iso, conta co apoio do concelleiro de Patrimonio como veciño e representante do Concello, ao que tamén lle agradece todas as facilidades dadas. Así, gustaríalles facer unha «muiñada» para inaugurar o muíño da Sorralleira xa que Isabel ten claro que, mentres ela poida, vai seguir moendo.


Comentar