La Voz de Galicia

«Sempre fun moi aventureiro»

O Carballiño

xosé manoel rodríguez ourense / la voz

Comezou aos 15 anos na hostalaría e traballou en Zürich, México e Nova York

09 Sep 2018. Actualizado a las 17:10 h.

Xa non vai -«case que nunca»- José Luis Gómez por Cabanelas. Dóenlle as ausencias e os baleiros. O monte comendo todos os socalcos desta parroquia do Carballiño que é Ribeiro: «Dende a cima do pobo víanse todas as viñas e as hortas traballadas, ata o río. Era como un xardín, un paraíso». Tempos dun rebumbio de rapaces -«chegou a haber oitenta»- que ían á escola a Cima de Vila e baixaban a bañarse ao río Arenteiro en Castro Cabadoso, onde se dicía que se eras quen de mergullarte a xeito podías atopar o tesouro que estaba soterrado por baixo dos alicerces da ponte. Infancia de pavías e de mazás de pel de sapo, que se abrían e espetaban nun pau para facelas ao lume, e de tripar os carreiros todos e cruzar ríos e regatos para ir aos pobos da contorna.

Orfo de pai dende os 5 anos, aos 15 veu traballar a Ourense e comezou a súa relación coa hostalaría no Mesón Las Vegas. Lémbrao como unha etapa marabillosa: «Traballaba no local e vivía con eles -cos propietarios- nunha mansarda na rúa Reza. Naquela idade, e sen pai, exerceron o papel de ser como a miña familia. É algo que nunca esquecerei e por iso sempre lles gardei un especial cariño». Eran tempos de reclutas e había que cumprir, aínda que á volta xa se deixou sentir o espíritu inquieto que o ten caracterizado e puxo rumbo a Suíza, seguindo o camiño que xa tomara o seu irmán. En Zürich botou uns catro anos e a experiencia do país helvético foi a base que o formou para desenvolverse no sector: «A de pratos e potas que freguei alí! Era un restaurante de dous pisos e contaba con nove cociñeiros. A xefa chamou un día a meu irmán para que me preguntase se quería ir á escola de hostalaría. E alí estiven un ano, ao tempo que aprendía alemán. Os idiomas sempre se me diron ben».

De volta a Cabanelas, e logo de conversas con algúns dos mozos do pobo, volveu nacer a inquedanza de coñecer novos horizontes. «Sempre fun un cú inquieto e moi aventureiro, e decidín ir probar sorte a México con Luis, un veciño. Aquilo non nos convenceu, e ao pouco tempo viñémonos. E fun xunto ao Garriga -asesoría e axencia de viaxes do Carballiño- para tramitar o visado para ir traballar a Sidney».

 

«Foi vostede á lúa?»

Unha noite atopouse cun amigo e o encontro mudou a súa vida. «Comenteille que o de México non funcionara e estaba á espera da visa para ir a Australia. Díxome que me fora con el para Nova York, que alí había choio a mazo, e que mentras non atopaba traballo quedaba na súa casa». José Luis Gómez foi pola súa conta a USA, era 1976, e rematou preto da fronteira canadense no seu primeiro destino: un hotel de montaña creado por uns emigrantes de Asturias. «Aquilo era espectacular. Un espazo de vacacións exclusivo, co lago e todo, que ocupaba 86 millas cadradas -moito máis que de aquí a Vigo-. Sempre que vexo

O resplandor

, e xa o fixen cinco veces, lémbrome daquilo porque era dese estilo». Daquel tempo data unha anécdota que garda con especial agarimo: «Alí fíxoselle unha homenaxe a Edwin Aldrin -o astronauta que pisou a lúa en 1969 xunto a Neil Armstrong- e parecía

Apocalypse Now

pola cantidade de militares e seguridade que había. Neses quince días ata che revisaban a roupa da cama e o neceser. Alí servino eu, e nunha ocasión pregunteille ‘Señor Aldrin, foi vostede á lúa?’ Olloume, sorriu e deume unha palmadiña no lombo sen dicir nada».

 

 

Rematada a temporada baixou a Nova York. E os dez anos que pasou alí dan para un fermoso e engaiolante libro de memorias. Traballou para italianos nun

coffee shop

-e viviu con eles no barrio de Astoria (Queens)-, para galegos orixinarios de Cedeira, foi «cociñeiro de ordes rápidas: cheguei a facer 120 ducias de ovos na prancha nunha mañá» e logo pasou a un restaurante francés en Long Island. O

Spain

, local de Manhattan propiedade dun ourensán de Vilanova dos Infantes, foi o seu último destino antes de volver.

 

 

 

Un soño chamado Xamaica

Matinando en todo aquilo, José Luis Gómez lembra unha proposta: «Nunha ocasión o director dun hospital que viña ao local onde traballaba propúxome montar un restaurante español en Xamaica. El era de alí, tiña onde facelo e asumía o investimento. Non puido ser porque tiña que volver. Vai ti saber, ao mellor hoxe era millonario!».

Orixe. Profesión. O seu espazo.

quen é

Orixe. José Luis Gómez Rodríguez naceu en 1954 en Cabanelas (O Carballiño).

Profesión. Leva vencellado á hostalaría dende os 15 anos. Na cidade, no Mesón Las Vegas, encetou un percorrido que o levou ao longo da súa vida a Suíza, Canadá e Estados Unidos.

O seu espazo. O Café Latino é o seu mundo. Alí traballa dende que volveu a Ourense e fixo do seu dominio da barra e do seu don de xentes o seu irrepetíbel sinal de identidade.

«Son do Latino, este local deume moitas satisfaccións e grandes amigos»

O de José Luis Gómez Rodríguez co Latino é unha paixón. Chegou en 1986 de Estados Unidos co obxectivo de traballar un ano en algún local para afacerse ao sector e logo montar o seu propio negocio. Con esa idea empezou, e aí sigue. «Eu son do Latino, este local deume moitas satisfaccións e aquí fixen grandes amigos. E cando pare estou seguro que vou sentir moito a nostalxia. A maioría da xente leva anos vindo e acabas encariñándote coa clientela. E en moitos casos rematamos sendo amigos». Cando chegou ao Latino xa o jazz era sinal de identidade do local. «A cidade, a nivel cultural me refiro, debería estar agradecida ao que leva feito Eduardo -o dono do café- nesta cuestión. Por aquí levan pasado os máis grandes do mundo do jazz. Hai xente de Madrid, Barcelona e doutras cidades grandes que mira as fotos que hai nas paredes do Latino e cando lle dis que si, que este ou aquel tocaron aquí, quedan abraidos. Non dan crédito». Cavila en todo o falado. Silencio. «Non estou arrepentido de volver», sentencia.


Comentar