La Voz de Galicia

O caso do Estado benefactor

Opinión

Camilo José Cela

12 Aug 2018. Actualizado a las 14:29 h.

As distintas -e con frecuencia encontradas- teorías que os filósofos foron tecendo para explica-lo Estado, aquilo que é ou aspira a se-lo Estado, soen camiñar ordenadamente, como non deixa de ser natural, polos cauces que a historia acerta a construír. A organización ideal dos Estados proposta nos textos gregos -A república, Á política- resulta, cinguida e precisamente, da formalización do contido da polis, e o terrible ferro que salpica as páxinas do Leviatán de Hobbes non é máis cousa cá imaxe dese poder absoluto na que acabou por converterse o proxecto da ragione di stato renacentista. É lei de vida que os homes usen as ferramentas que manexan para medir e compara-lo mundo en torno e, nese senso, a filosofía política non ten por que resultar excepcional.

Mesmo as utopías funcionan coma un espello no que, por contraste, se debuxa a imaxe da fórmula de Estado de cada momento. Os instantes históricos cambian, é certo, pero ó seu través aparece sempre o Estado coma un artiluxio condenado a incluír non poucas lacras e demasiados inconvenientes. E eses escollos terán de nivelarse ou sortearse tan só coa esperanza de que a máquina construida poida servir para resolver, con permiso da autoridade, se o tempo e a ocasión o permiten e os deuses nos son propicios, algunha que outra das moitas e urxentés demandas perenne e permanentemente plantexadas.

Cando os filósofos se puxeron a discorrer sobre a mellor maneira de facer compatible o xa inmenso poderío que o Estado fora acumulando ó longo da historia e os intereses do individuo, cada vez máis ameazado na súa persoal intimidade, apareceu a fórmula -ou arbitrouse a receita- do Estado benefactor.

Inútil é dicir que tal idea, coma a do contrato social, non pasa de ser senón unha mera proposición heurística. Nin os homes pactan endexamais a forma de organizarse para saír do «estado de natureza», nin existe posibilidade ningunha de soster diálogos páterno-filiais entre dous interlocutores que, sobre non seren homoxéneos, tampouco poden renunciar ós lazos que os unen e aínda os atenazan. Pero resulta fermoso, ¡que o dubida!, esquece-la realidade inmediata e imaxinarse que a enteira maquinaria estatal, coas súas burocracias, as súas pólizas e os seus beremos, está ó servicio e mellor remedio das miserias que poidan ir axexándolle a un ó longo da vida e na antesala da morte.

Dende tal suposto, o maior fito endexamais acadado polo Estado benefactor non coincide coas enormes organizacións de asistencia sanitaria ós cidadáns, nin tampouco co mantemento desas masas crecentes de pensionistas nuns países que enveliecen ó mesmo ritmo ó que adiantan as idades de xubilación. O cumio do Estado benefactor coincidiu, a cabalo dos séculos XIX e XX, cos anos de esplendor da fórmula imperial británica. O contar daquela cun pasaporte de cor azul marina co escudo do león e o unicornio valía tanto como saber que a Home Fleet estaba presta a acudir onde fixese falla -e cos cañóns dos seus acorazados en posición de tiro- para saca-las castañas do lume a quen for, sempre que for súbdito, naturalmente, da Sua Graciosa Maxestade.

Insisto en que non é preciso que iso sexa verdade de todo, xa que basta con facer de tal proxecto unha hipótese para interpreta-las relacións entre o Estado e os cidadáns. Pois ben, a teoría do Estado benefactor acaba de ser representada hai algún témpo por un presidente quizáis máis nervoso do que autorizan as medidas estadísticas fixadas. Segundo nos explican as axencias de prensa, o motivo para a invasión dunha diminuta illa do Caribe por parte da frota máis poderosa do mundo, herdeira da que aínda enarbora a bandeira branca Coa Unión Jack nun ángulo, foi o de asegura-la protección duns seiscentos estudiantes, sobre pouco máis ou menos, ameazados polos avatares da política local. Damos de lado a circunstancia coma o valor estratéxico das pistas de aterraxe, a presencia de obreiros cubanos (a condición de obreiro e de estudiante é por igual relativa e mudable), ou as carambolas que apuntan a Afganistán, Líbano e ás discusións sobre a limitación de armamentos de Xenebra. Esquezamos mesmo a paradoxa que supón o que dende o bastión neoliberal se caia nos mesmos vicios de análise que Popper critica e engloba baixo o nome de Teoría conspirativa da sociedade.

Cada un dos seiscentos repatriados baixo o fogo dos morteiros da forza expedicionaria puido voltar atrás ó longo da historia, situarse nos anos anteriores ó episodio de Suez e sentirse dono por unhas horas de toda a complexa estructura militar do Estado. Non é a primeira vez, nestes revoltos tempos, que un presidente namorado da época modernista decide levar adiante e ata as súas últimas consecuencias a política do Estado benefactor. Pero tales fintas e exercicios soen tropezar hoxe con maiores inconvenientes dos previstos nun principio e sobre o papel. Antes, os paseos militares saian todos a pedir de boca, porque apenas esixían maior rutina nin esforzo cás revistas navais ou os airosos desfiles da cabáleria. Houbo un tempo no que nin sequera as ametralladoras de Balaclava eran capaces de apaga-lo son das barbullas do champaña. Pero agora, ¡vaia por Deus!, é xa outra cousa. Os helicópteros estrélanse no deserto persa, os franceses venden mortíferos misís a todo o que os pague e, ó final, non hai máis remedio que invadir minúsculas illas, quizáis un tanto de rebote, porque mesmo a aventura nicaraguana pode acabar resultando demasiado perigosa. Para min teño que a teoría do Estado benefactor está moi seriamente tocada da ala.


Comentar