Secciones

Tu edición

Quen paga o casco histórico?

La Voz de Galicia

Monforte, igual que outros lugares de Galicia e incluso de España, leva anos premiando os que foxen do centro. Isto é a así a pesar de que a extensión da malla urbana crea concellos máis caros para os contribuíntes, xera máis gastos de asfaltado, de saneamento, de recollida de lixo de transporte público, de alumeado...

Pero se un decide quedar no casco antigo de Monforte, axuda a salvalo da ruína, e a que a sexa un atractivo para o incipiente turismo que nos visita como capital da Ribeira Sacra, debe pagar unha serie de peaxes que o fan desistir.

Teads fallback - Discover inRead by Teads!

En primeiro lugar están as normas de Patrimonio Histórico, que por pretender ser tan exhaustivas, conseguen un efecto de fuxida. Algúns veciños actúan pola súa conta, ás veces dando lugar a auténticas aberracións, e outros simplemente deixan caer as casas impotentes. Nunha zona onde a arquitectura popular está feita en pallabarro, coios, corres, e outros materiais que se esborrallan en canto falla o tellado, resulta case imposible introducir formigón ou estruturas de reforzo de forma legal, que non te arruínen aínda que sexan invisibles.

Patrimonio, incluso chega a entrometerse nas divisións internas da vivenda para conservar as paredes de corres. Pero se as conservas todas a casa non resulta habitable. Estarías vivindo nunha casa con divisións dos anos vinte, con cuartos interiores escuros e pequenos. Se precisas cambiar unha tubaría no baixo da casa, cunha profundidade de 40 centímetros, esíxenche un informe arqueolóxico que custa 500 euros mínimo. Algo que carece de sentido, cando a 20 metros hai unha horta na que se poden plantar patacas.

A estrita normativa de Patrimonio, o propio feito de ter que ser examinados por unha comisión específica que debe reunirse para autorizar licenzas de obra menor, dificulta calquera reparación. E unha vez que obteñas a licenza, prepárate para os prezos dos contratistas. Facer dous bastidores de madeira para unhas pequenas fiestras, que non se abren en todo inverno porque hinchan, custarache tres veces máis que unhas fiestras equivalentes de aluminio.

Canto pode custar reparar as galerías da rúa do Comercio ou as fermosas galerías recentemente demolidas de Kiny Boutique, para que illen o frío e se poidan abrir?

Gaña diñeiro a persoa que restaura? Pois en xeral, salvo casos moi concretos, non. A maior parte das persoas restauran unha vivenda propia. Normalmente, son maiores os custes das reformas que o custe de mercado dunha vivenda nova de iguais condicións.

Necesitamos un consenso cidadán. O patrimonio cultural que representa a conservación das casas vellas nos barrios antigos require un sobrecusto importante. Nos concellos pequenos a restauración non constitúe unha operación especulativa, nin sequera un investimento lucrativo a curto ou medio prazo.

E igual que todos asumimos os sobre custos daquelas persoas que deciden vivir nas aforas, pagando a extensión dos servizos públicos, até onde de forma irracional se estendeu a malla urbana, tamén temos que empezar a pensar que, se queremos desfrutar dun casco urbano saudable, teremos que colaborar todos no sobrecusto do mantemento desas fachadas das que os que máis desfrutamos somos os que paseamos pola rúa.

Por outro lado, cómpre acelerar unha norma urbanística sensata para o centro, que permita conservar e restaurar casas habitables, algo polo que levamos anos agardando.

Tags: Patrimonio histórico Transporte Turismo Ribeira Sacra Monforte de Lemos
Ver Comentarios