Secciones

Tu edición

«Espero ser un afortunado máis da política de canteira do Celta»

Pampín, que leva cinco anos no Celta e vén de ser chamado pola sub-19, fala da súa reconversión a lateral

La Voz de Galicia

Diego Varela Pampín (Oleiros, 15 de marzo do 2000), que acaba de recibir unha nova chamada da selección española sub-19, vive o seu quinto ano no Celta, e faino amosando a súa vea goleadora con dous tantos consecutivos co filial e converténdose nun xogador que alterna dúas posicións en función do ataque e da defensa. Pampín, que non se autodefine como lateral, non esconde que espera ser un dos afortunados que no futuro dean o salto ao primeiro equipo.

-Saíulle a vea goleadora con dous tantos nos dous últimos partidos.

-É unha alegría enorme poder aportar por fin goles para o equipo aínda que ao final non estamos conseguindo as vitorias e esa é a pena que me queda dentro.

-Pero semella que por xogo están no bo camiño.

-Creo que o equipo está xogando moi ben, o día a día está sendo moi bo e creo que estamos no camiño de ir todos a unha. Cando fas as cousas ben os resultados acaban chegando.

-¿Como é iso de xogar de lateral en defensa e de interior en ataque?

-O ano pasado ocorreuselle ao adestrador, viu que o podía facer ben aí e axudar ao equipo e co día a día parece que está a saír ben.

-Este ano ten máis chegada.

-Levou tempo adaptarse á categoría sendo xuvenil de segundo ano, pero collín confianza porque somos unha gran familia e os compañeiros axudaron moito a que un neno de 18 anos se acomodase tan ben á Segunda B.

-¿Que é máis complicado para vostede, defender volvendo dende arriba ou meterse entre liñas para sorprender?

-Xogar en Segunda B sempre é difícil, pero defender sempre me custou un pouco. Estou mellorando bastante e creo que a cousa vai bastante ben.

-Por que o de irse para arriba é algo natural co seu pasado como extremo.

-Iso non fai falta que mo diga o míster, sae de min. Eu busco a área contraria en todo momento.

-¿Quen o muda de posición é Unzué?

-O ano pasado, xusto o día da pretempada, eu ía a facela co Celta B e logo baixar co xuvenil a xogar, pero foise Samu Araújo ao Barça B e buscaron unha solución en min, confiaron, gustoulle o papel que fixen a Unzué e aí quedei.

-¿Xogara antes nalgunha ocasión de lateral esquerdo?

-Igual un partido por algunha lesión porque era o único zurdo que había, pero nunca xogara de lateral.

-¿Xa se considera lateral ou aínda non?

-Non me gusta chamarme lateral a min mesmo, pero é a función que teño que facer e fareina. Intentarei escapar o máximo posible para arriba para chegar arriba.

-¿Qué tal a experiencia da pretempada da campaña 17/18 no primeiro equipo?

-Moi intensa porque de repente te ves nun vestiario tan grande con xogadores do nivel e calidade de Aspas, Hugo ou Maxi. É outro mundo pero eu adiqueime a traballar como o que máis para facer un bo papel.

-¿Bota un pouco de menos agora o contacto co primeiro equipo?

-Por suposto que me encantaría facer a pretempada e estar no día a día con eles, pero debo ir paso a paso queimando etapas como corresponde, aínda nos moi xoven.

-¿O obxectivo é chegar ao primeiro equipo algún día?

-Esa é a idea, chegar arriba pero primeiro hai que pensar no Celta B que é onde estou agora. Todo o que veña benvido será.

-¿Comparte a idea de que Vigo é un bo sitio para que os futbolistas do filial teñan oportunidade?

-Esa era a idea que tiña antes de vir para aquí cando falei con Toni (Otero). Vin a proposta de canteira que tiña o Celta e nin o pensei. Confiaba neles e espero ser un afortunado máis da política do Celta e que continúen aparecendo rapaces da canteira

-A sub-19 acórdase de vostede.

-Foi unha alegría enorme cando me mandou o director deportivo a convocatoria. Espero que no futuro en vez de ser unha sorpresa se convirta en habitual.

-Xa ten a experiencia dun Mundial coa sub-17.

-Foi unha gran experiencia porque calquera xogador de fútbol quere participar nalgo así e cando o vives é algo impresionante. Fomos moi lonxe, a un país como a India e ves cousas que xamais pensabas. Chegar a final foi un soño.

-¿Como vive un de Oleiros no sur de Galicia?, ¿como se adaptou?

-Bastante ben. Ao principio había as típicas bromas de vestiario pero moi ben, a verdade é que non imaxinaba a xente de Vigo así de agradable con xogador da Coruña.

-Todo comezou no Ural.

-Alí estiven dende benxamíns ata o alevín B, logo marchei para o Victoria e no cadete B xa empecei no Celta.

-Daquela había moita competencia por facerse con seus servizos ou non.

-A verdade é que eu estaba sen equipo e cando se enterou Toni Otero, que daquela era director de canteira do Celta veu á Coruña a reunirse comigo e cos meus pais e ao día seguinte respondinlle e xa levo en Vigo cinco anos.

-¿O máis negativo destes anos o paso polo quirófano?

-Si. Eu lesioneime estando na India, fisurei un pouco o metatarsiano e tentámolo arranxar cunhas plantillas e foi para adiante, pero nun partido de Liga rompeu de todo e foi cando houbo que operar porque estaba destrozado. Esta pretempada deume un pouco a lata pero agora estou perfecto.

-Cando era benxamín dixo nunha entrevista do Ural que se consideraban un gran xogador. ¿Sigue pensándoo?

-[Risas] Digamos que son un xogador ao que lle gusta o fútbol, que busca divertirse en todo momento e un xogador moi humilde que sabe onde está e o que quere e saber o que é por suposto.

-Dicía entón que Messi e Iniesta eran os seu referentes, ¿seguen sendo?

-Hai que empezar a fixarse nun Marcelo ou nun Jordi Alba, pero por suposto que seguen sendo os xogadores aos que mirei sempre e no futuro.

-¿Ten contrato ata o 2020, vese moitos anos aquí?

-Eu estou moi contento no Celta e espero seguir aquí durante moitos anos.

Etiquetas: Celta B Fútbol gallego Celta Cantera Celta