La Voz de Galicia

«Os galegos xa non emigran por extrema necesidade, fano por extrema precariedade ou falta de recoñecemento»

Galicia

Manuel Varela redacción / la voz

O Consello da Cultura Galega acolle o seminario «Novas Diásporas», con varios expertos internacionais e coordinado pola socióloga da UDC Antía Pérez Caramés

06 Oct 2021. Actualizado a las 20:10 h.

O Consello da Cultura Galega organiza o seminario Novas Diásporas, unhas xornadas que se celebran hoxe no Pazo de Raxoi (Santiago) e mañá na Cidade da Cultura para entender a vaga migratoria cara Europa que non só afecta a Galicia, senón aos países veciños do sur. Antía Pérez Caramés, profesora de socioloxía da Universidade da Coruña, é coordinadora do seminario.

—Haberá expertos de universidades de Italia e Portugal para explicar o fenómeno.

—Cando se fala dunha nova vaga de emigración galega hai moito ruído social, mediático e político, pero faltan elementos que o contextualicen. É unha nova vaga, pero parte dun rexurdimento das migracións do sur ao norte.

—Que comparten eses migrantes?

—Hai características moi similares, vinculadas á crise da austeridade, á falta de expectativas laborais. Máis que polo desemprego, debido a precariedade, á falta de oportunidades para emanciparse, formar familia e alugar ou ter unha vivenda en propiedade.

—Tamén virá unha catedrática da Universidade de Bergen, en Noruega. Que análise fan no norte?

—Fixo un traballo moi interesante sobre as motivacións da emigración española a Noruega. Vincula todo este proceso recente non só á mobilidade laboral, senón a certas ideas de frustración no país, ao estancamento da propia vida. A busca de motivacións máis aló do emprego.

—O saldo migratorio é positivo dende hai cinco anos. Hai unha emigración invisible?

—Temos un problema endémico coa infraestimación de canta xente marcha. Depende da vontade individual de inscribirse no consulado ou darse de baixa no padrón. A recuperación económica dende o 2014 permitiu reavivar as inmigracións e compensar o feito de que segue a marchar xente. Temos un escenario migratorio complexo no que non é fácil encorsetar análises, require sentarse e analizar.

—A que marcha hoxe é unha poboación máis cualificada?

—Si, pero non só por unha selección interna, senón porque o nivel de cualificación de todo o país mellorou. E non marchan por extrema necesidade, é por extrema precariedade ou falta de recoñecemento ás súas aptitudes. Son xente con moita bagaxe de experiencia migratoria, por familiares ou por facer prácticas no estranxeiro, Erasmus... Saben moverse e o que implica. Hai un cambio radical ante os nosos pais ou avós, que normalmente metíanse por primeira vez nun avión ou barco.

—Daquela asociábanse en centros galegos, había folclore, xuntanzas... Como se artellan agora esas novas diásporas?

—Hai unha articulación online moi importante, a través de Facebook ou WhatsApp, que son fundamentais. Tamén en asociacións na maneira tradicional, incluso con actividades folclóricas. E mesmo activismo político. Mudaron as formas asociativas, sobre todo comparado con sociedades típicas da emigración americana e as súas redes de apoio mutuo, pero en Internet hai moita xente que se axuda para buscar un piso. É impresionante, son magnitudes nunca antes coñecidas.

—Hai poñentes desa diáspora. Pensan en volver?

—É unha emigración facilitada pola libre circulación, sen barreiras para moverse. Moitos preferían unha oportunidade no seu país. Marchan con temporalidade, sen a idea de quedar moitos anos. Agora indagamos no seu retorno.

 

 


Comentar