Secciones

Tu edición

Vinte anos de rebelde diversión

Trinta espectáculos en seis días. Con nomes senlleiros da escena nacional como Alberto San Juan e referencias internacionais do novo circo e do teatro de rúa. O festi dos clowns celebra os seus 20 anos cunha ambiciosa edición

La Voz de Galicia

efinen os seus creadores o Festiclown como «un artefacto de alegría rebelde que coloca a risa como panca para mover o mundo e ao clown como arma de diversión masiva». E así vén sendo dende que en 1999 se creara esa marca dentro dos contidos do festival Cultura Quente de Caldas de Reis. Dende aquela o Festiclown chegou xa a cinco países en tres continentes, acolleu os espectáculos de máis de 500 artistas e formou a outros 2.000.

Nesta edición de aniversario o Festiclown terá seis sedes: Móstoles, Rivas Vaciamadrid, El Prat de Llobregat, Palestina, o Brasil e, a primeira delas, que onte arrincou, Vilagarcía de Arousa. «Con Vilagarcía creouse unha relación moi especial dende o primeiro momento, que nos permitiu crecer en moi pouco tempo e chegar, coma este ano, a presentar espectáculos xa de formatos medios e grandes e premiados en destacados festivais», explica Nacho Fungueiriño, coordinador do Festiclown. Trinta e unha funcións, todas elas na rúa e de balde, excepto a que pecha o festival, o martes 14, cunha entrada de 6,60 euros, que terá a Alberto San Juan como protagonista. O actor presentará no Salón García Autorretrato de un joven capitalista español, un monólogo no que o actor, desde unha perspectiva crítica e con grandes doses de humor, desvela as súas conclusións tras reflexionar sobre a súa propia vida e a situación na que se atopa a sociedade española -«injusta hasta la crueldad»- tras as etapas vividas ao longo da súa recente historia. Recoñece Nacho Fungueiriño que a presenza de Alberto San Juan nesta edición do festival ten que ver cos fundamentos esenciais do Festiclown «a prol dos refuxiados, da esperanza e da liberdade de expresión».

Teads fallback - Discover inRead by Teads!

Pero onde realmente o Festiclown se manifesta en toda a súa amplitude é na rúa. Nese sentido sobresae a Mostra Internacional, que, ás 21.30 horas, achegará cada xornada a algúns dos máis premiados e sobresaíntes espectáculos de clown, maxia e novo circo do momento. Sobresae a presenza, hoxe, da compañía Cirk About It, que presentará o seu multipremiado espectáculo El apartamento, no que expoñen unha situación cotiá para explicar como a rutina pode romperse con facilidade se se lle engaden unhas gotiñas do mellor circo. Tamén é salientable a participación, mañá, dos granadinos Vol’e Temps, que en Mundos de papel propoñen unha historia divertida, tenra e trepidante, absurda e poética, que combina con humor e espontaneidade técnicas de circo, teatro e danza. No apartado das presenzas internacionais destaca El Gran Show de La Bandita Alegre (luns e martes), compañía que mestura rutinas clásicas de circo e outras aloucadas, música en vivo, gags e un xogo frenético co público. Galicia terá tamén unha notable presenza no Festiclow con propostas como as de Pablo Cool & Dimitry, Mundo Mandarina, Catropés ou Trío Refugallo. A programación complétase cunha vertente social desenvolta en colaboración con asociacións e colectivos locais e o espectáculo de Pallasos en Rebeldía, que terá lugar o martes.

ATA O 14 DE AGOSTO. PRAZAS E RÚAS DE VILAGARCÍA. DE BALDE

Tags: Festiclown Teatro Arte Brasil Palestina Vilagarcía de Arousa
Ver Comentarios