La Voz de Galicia

Eulogio Sixto: «Galicia ten a obriga de preservar os montes para as xeracións do futuro»

Fene

ramón Loureiro redacción / la voz

Afirma que «coidar o ecosistema e a paisaxe é protexer un dos grandes tesouros do país»

25 Dec 2018. Actualizado a las 20:50 h.

Eulogio Sixto Padilla (Fene, 1954) foi o impulsor da creación da Xunta de Montes Comunais de Marraxón, ademais de cofundador desa entidade e cabeza visible dun proceso que desde Sillobre serviu de exemplo, no solpor do pasado século, a unha nova primavera do movemento comunal en Galicia. Traballador, durante toda a súa vida laboral, das compañías auxiliares do sector do metal, e moi particularmente dos estaleiros, xogou tamén un papel decisivo no movemento veciñal en Ferrolterra. Gran coñecedor do mundo agrario e gandeiro, para el non teñen secretos nin os cambios da lúa, nin as viravoltas dos ventos, nin os cantos dos paxaros nin a alma da terra. Agora, lonxe de calquera actividade pública, contempla, con satisfacción, como as novas xeracións de comuneiros apostan pola rexeneración medioambiental e pola preservación do ecosistema. E segue fiel ao seu costume de subir ao Coto do Rei, en Marraxón, cada 24 de decembro, para ver desde alí o que case é un mundo enteiro.

-O Coto do Rei é un lugar especial...

-O Coto do Rei é un lugar que deberían coñecer todos os galegos. Especialmente agora, cando o esforzo da actual xunta de montes está erradicando as especies arbóreas invasoras para facer revivir o bosque autóctono e, con el, a fauna do noso país. Cousa que me parece importantísima, porque Galicia ten a obriga de preservar os seus montes para as xeracións futuras.

-Uns montes que, na súa maioría, pasaron por momentos moi difíciles. ¿Cando comezou realmente o abandono do monte galego, e cal foi a razón de que iso se producise?

-O desastre comezou a mediados dos anos sesenta. Cando empeza a haber en Galicia un desenvolvemento industrial importante, o abandono dos valores da tradición agraria trae consigo, da noite á mañá, que unha cultura que levaba miles de anos estreitamente vencellada aos seus bosques e aos seus montes deixe de coidalos por completo. E, desde aquel instante, todo comeza a ir mal. Pero por fin hai xeracións novas, e para iso Sillobre tamén é un exemplo, que entenden que coidar o ecosistema e a paisaxe é protexer un dos grandes tesouros do noso país.

-¿Por que segue habendo incendios forestais en Galicia?

-Os incendios forestais en Galicia son froito dunha actividade criminal que segue estando aí. É certo que en boa parte de Galicia hai moitos montes abandonados, cheos de toxo, pero o monte se arde é porque lle pegan lume. No ámbito da protección do patrimonio natural, en Galicia aínda queda moito camiño por andar.

-¿Que futuro lle agarda ao bosque autóctono galego?

-O futuro do bosque autóctono está nas nosas mans, nas mans dos galegos. Temos que tomar conciencia de que Galicia é un tesouro. E actuar en consecuencia. ¿Pode haber algo máis fermoso que ver florecer un castiñeiro?


Comentar