Secciones

Tu edición

Cándido do Victoria de Forcarei

La Voz de Galicia

Opasado martes, ás 10 da mañá do 28 de agosto, dando sepultura a Cándido do Victoria, xa cumpridos os 84 años, Don Luís, o cura da veciña parroquia de Cerdedo, polo que se ve, home de ben, integrador, listo como un allo, sen que o pareza, que falando pouco di moito, animounos a rezar un Pai Noso polos que alí estaban enterrados, e fóra de alí, dígoche fillo enténdeme nora.

Foino buscar a casa, e o seu corpo descansa onda os seus, e os seus veciños, en sagrado.

Nos últimos tempos, andivo ó revés da maioría, que de novos son inconformistas, pensan que a riqueza está mal repartida, que existen inxusticias e corrupción e co tempo vanse cansando e aceptan o sistema imposto, igual que ovellas que teñen que ir para onde as leva o pastor e os seus cans e aínda peor, con perdón das ovellas. Tanto é o poder dos poderosos, que crean opinión según lles convén, fan verdades de mentiras, mentiras de verdades. Ata nos fan pensar que pensamos, impóñennos valores, obxectivos e ideais de vida para xerar frustración, cando para eles só somos consumidores, que temos que traballar para sobrevivir -a maioría xustiños-, de luns a vernes, ver moita televisión, ir os sábados a comprar ás áreas comerciaies e coller unhas minivacacións, que non nos podemos permitir.

Teads fallback - Discover inRead by Teads!

Cándido, ó revés, foi cambiando. De mozo non foi revolucionario e foise radicalizando co tempo, xerando un espíritu máis crítico e poñendo en tea de xuízo moito do imposto e dos estándares establecidos.

Fillo do zapateiro da Ponte, o Sr. Jesús da Costa, e da Sra. Vitoria que deu o nome ó restaurante, traballou de revisor no auto industrial e logo fíxose cargo do Victoria, que reformou totalmente e constituíu unha referencia innovadora na zona. Foi un home implicado con Forcarei, concelleiro con Filgueiras, que pese a ter abrazado o triste ideal fascista, foi un alcalde visionario e dinamizador.

Contoume Cándido, que una tarde que ían ver as obras do novo colexio público, meu avó Francisco Cavada, que estaba sentado diante da casa, no mazadoiro, ó velos pasar díxolle ao seu can, «ven aquí, non mordas esa xente, que igual te envelenas».

Xuíz de paz moitos anos, cando non lle pagaban nada, traballador incansable, dinamizador, aínda estivo axudando nas festas a atender os clientes de toda unha vida, despois do cabodano da sua dona Aurita, que o chamou para carón dela, habíao botar de menos, que se foi deitar fai un ano e non espertou.

Aurita dende a súa cociña dignificou o extraordinario prato da Richada de Forcarei, cociñada con cebola, allo, pimentón, etc. Carne escollida, sen oso e sen durezas, servida con patacas cocidas aliñadas coa salsa da carne. A mesma Aurita que nos deixaba ver a televisión ós rapaces do pobo, sen consumir nada. Nada tiñamos para gastar. Como se fora una segunda nai gardadora.

Nunca é tarde para deixar de comulgar con rodas de muíño, de abrir a mente e os sentidos á vida e á sabia nai natureza, de deixar de cumprir obxectivos de outros e mirar dentro dun, de aprender do vivido, de ser leales a un mesmo, aínda que a independencia pase factura se te apartas do dictado do poder. A diferencia con respecto ós demais, non exclúe, enriquece. O pensamento único, empobrece e entristece.

 

Que a gaita despexe as néboas

Ó respecto da súa vontade, que primou sobor da galega murmuración, o seu enterro veuse adornado pola emotiva interpretación da gaita solista do antigo himno do Reino de Galicia a mans do seu neto.

Que o son dela despexe o camiño das néboas e vexa a man tendida da súa compañeira para axudalo a pasar o portelo á nova dimensión, máis liviana, xa desprendido da dor, do frío, da fame, da sede. Esa liberación ha de confortar ós seus, ós que lles queda o amor del recibido que ha de permanecer no seu pensamento e os acompañe sempre.

Tags: Forcarei Cerdedo Cerdedo-Cotobade Corrupción
Ver Comentarios