«A orixe do Corpiño está no Carrio»
Deza
A capela do monte de Bermés está sendo escavada e é o foco desta lenda
31 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Alumnas e profesores da Escola Superior de Conservación e Restauracións de Bens Culturais de Galicia están a traballar nunha nova campaña de traballo no Monte Carrio, na parroquia lalinense de Bermés. Nesta ocasión o fan coa colaboración da cooperativa Árbore Arqueoloxía e Restauración e coa da Comunidade de Montes de Bermés, ao abeiro dun convenio de colaboración asinado polas tres institucións participantes. Cristóbal Fernández, presidente da xunta reitora da comunidade de montes de Bermés, afirma que os veciños da zona, por tradición oral, sabían que alí había unha capela, o que non sabían era onde estaba ubicada. «Agora que xa sabemos onde está queda a segunda parte, redescubrila», explica.
Actualmente hai oito alumnas da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e dous profesores traballando neste proxecto arqueolóxico. Álvaro Arizaga, profesor da escola, conta que «é unha participación totalmente voluntaria e desinteresada por parte do profesorado e do alumnado, xa que non hai ningunha retribución económica». A comunidade de montes de Bermés sustenta o proxecto para que poidan desempeñar a súa labor. Ofrécelles aloxamento, comida e recursos para o seu traballo diario. Ademais, hai un convenio asinado polas tres institucións participantes para así ofrecer un bo marco de traballo. Tamén participan neste proxecto arqueólogos da cooperativa Árbore Arqueoloxía e unha profesional de conservación e restauración que exerce labor de titora co alumnado.
Elena Taboada é arqueóloga da cooperativa Árbore e Arqueoloxía e principal responsable da escavación. Afirma que os restos atopados pertencen a unha capela e que podería ser do século XV aproximadamente, aínda que «temos que estudar ben os restos pero movémonos un pouco nesa cronoloxía», narra a responsable. Durante as dúas semanas de escavación conseguiron definir o espazo interior e localizar o que cren que podería ser unha antiga entrada de acceso á capela. «A verdade é que estamos moi sorprendidos para ben porque os restos están moi superficiais e bastante ben conservados, polo que podemos facer unha escavación que nos dá moita información», indica Elena Taboada.
Cristóbal Fernández agradece que estas actuacións se realicen porque «ao mellor en quince ou vinte anos pode perderse» e que «agora os tempos corren moi rapidamente e aquí moi pouca xente recordaba a capela, e os que si era de oídas». Mediante estas actuacións pretenden que «todo o mundo poida contemplalo para que nunca máis se perda», expón o presidente da comunidade de montes de Bermés. «Quedará nas fotografías, nos documentos e nos traballos que se fagan sobre isto».
No 2016, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia acudira unha semana co alumnado para inspeccionar a zona e coñecela. No 2017, xa se presentan no Monte Carrio cunha intervención autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio. Neses dous anos descubriron, segundo Álvaro Arizaga, que «neste Monte do Carrio había un patrimonio inmenso que durante a construción do parque eólico, na avaliación de impacto, non se detectou adecuadamente». Xa se coñecían topónimos da capela pero non se atoparan restos dela. «Este monte estaba moi mal catalogado pero isto ocorre en arqueoloxía profesional, é imposible atopalo todo», afirma. O profesor da escola superior relata que o traballo de arqueólogo ten condicións precarias, xa que «non hai moitos recursos e é un traballo moi complexo».
Un dos bens que os veciños da zona destacaban era o topónimo da Capela do Carrio. A súa ubicación non era coñecida, pero sabían que se atopaba neste monte de Bermés. Ademais, hai varias lendas sobre este lugar. «Algunhas delas teñen relación co Corpiño», afirma Álvaro Arizaga. «Fálase de que a orixe do Corpiño está no Carrio», continúa. O profesor indica que a orixe medieval dun dos santuarios máis importantes de Galicia, pertencente ao Concello de Lalín, podería saír do muro da capela que se está escavando.
A primeira semana de traballo, conta Elena Taboada que, «foi soamente de escavación e esta xa imos combinando escavación cos primeiros procesos de consolidación». A continuación pasarán á última fase que «durará dous ou tres días máis», narra Taboada. Ao seu remate, farase unha visita guiada para os veciños da zona na que se explicará o proceso de traballo e os resultados preliminares. A responsable da escavación relata que «o que vai quedar a vista serán os muros consolidados para que aguanten ben». Os principais obxectivos desta intervención e posta en valor son «que os niveis arqueolóxicos non se vexan afectados e axudar a que se interprete mellor o xacemento, o espazo interior e o exterior», detalla Elena Taboada.
Cristóbal Fernández laméntase da presenza de eólicos e eucaliptos na zona do monte do Carrio, pero afirma que a súa parcela está libre de eucaliptos e que «estamos quitando os últimos estes días». Elena Taboada, responsable da escavación, detalla que as súas raíces son «moi agresivas porque rebentan todo, non só polo tamaño senón porque teñen un crecemento moi rápido e probablemente desprendan algún tipo de substancia que deteriora a pedra». O presidente da Comunidade de Montes de Bermés informa sobre a importancia de que «o terreo ten que estar desbrozado e limpo» para ese tipo de restos arqueolóxicos.