La Voz de Galicia

Rescatan os «Cadernos persoais» de Lois Pereiro aos 25 anos da súa morte

Cultura

Héctor J. Porto Redacción / La Voz
Lois Pereiro, o 3 de abril de 1996, durante un encontro na casa da cultura de Monforte no que presentou o seu libro «Poesía última de amor e enfermidade»; o escritor chairego Manuel María -á dereita- exerceu de anfitrión

O selo Chan da Pólvora publica un heterodoxo volume con material inédito que vai do diario íntimo, a poesía, os aforismos, as vivencias e a reflexión ás anécdotas de viaxe

16 Feb 2021. Actualizado a las 05:00 h.

«A dor é a orixe de tódalas artes». Así, con esta contundencia, condensaba a súa poética o escritor Lois Pereiro nun encontro cos seus paisanos na casa da cultura de Monforte a só unhas semanas do seu pasamento -o 24 de maio de 1996-, do que fará moi pronto, en apenas tres meses, 25 anos. Naquela emotiva xornada, promovida polos alumnos e profesores dos institutos da cidade e na que Manuel María exerceu de anfitrión, o bardo presentaba a súa Poesía última de amor e enfermidade (Edicións Positivas), poemario do que falou como «un libro de urxencia», elaborado en doce meses aínda que representaba catro anos da súa vida.

Chan da Pólvora réndelle agora homenaxe ao poeta -que este martes cumpriría 63 anos- coa publicación dunha reunión de cadernos inéditos que amosan «novas perspectivas do seu proceso creativo» e devolven ao lector «a atmosfera fascinante dun artista que atopou nas ondulacións da mente a palabra exacta da poesía», explican desde o selo compostelán. Baixo o título Cadernos persoais, con edición, introdución e notas de Héctor Cajaraville, ofrecerá un material non só descoñecido senón tamén moi valioso. Cedidos pola familia, os cadernos non albergan contido soamente documental ou biográfico, «senón de grande intensidade literaria, en tanto que proporcionan un novidoso panorama sobre os modos de traballo dun escritor que concibiu a poesía como medio de liberarse da opresión social». Un creador que -desde que se lle dedicou o Día das Letras no 2011- pasou de ser un autor de culto a unha das figuras máis queridas da literatura galega recente.

Os textos que concita o tomo, detalla Cajaraville, «están extraídos de cinco bloques escritos entre 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel xunto con outros manuscritos inéditos. A maioría das anotacións que os compoñen coinciden coas distintas viaxes que realizou por Europa (Francia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido) durante eses anos. Ademais, o volume inclúe a transcrición dunha axenda de 1996 [regalo de Isabel, muller de Xosé Manuel] que contén apuntamentos datados entre xaneiro e abril dese ano, o derradeiro da vida de Lois».

Trátase, en definitiva, dun material moi heteroxéneo no que poden atoparse entradas «a xeito de diario íntimo» ou poemas enteiros, ademais de ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, «pensamentos breves ou reflexións longas, vivencias e anécdotas das viaxes», mesmo «sentenzas non exentas de enxeño e humor». Sen dúbida, sinala o editor, un libro que permite revisitar, en todo o seu esplendor, o característico e engaiolante universo de Pereiro.

Cadernos persoais -que chegará ás librarías no vindeiro mes de marzo- forma parte da colección Cova da Lontra e quere sumarse ás iniciativas e publicacións que conmemoran a figura do poeta ao longo deste ano. Hoxe mesmo, o Ateneo Casino de Monforte prevé pendurar nas súas contas en redes sociais unha serie de vídeos con lecturas de poemas de Pereiro na voz de personalidades da cultura como Manuel Rivas, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer, Ledicia Costas, Abe Rábade, Mercedes Peón, Alfonso Zarauza, Miguel de Lira, Martiño Rivas... e outras de sectores como o xornalismo, o deseño, a edición ou a educación. Das imaxes encargarase o cineasta monfortino Manuel Valcárcel. Os vídeos serán publicados en catro entregas -este martes e este mércores- e poderanse ver nas contas de Twitter, Instagram, Facebook e YouTube do ateneo. Ademais, a través da etiqueta #LP25anos, a entidade convida a todas as persoas interesadas en participar a subir un vídeo dun minuto onde reciten versos do vate monfortino.


Comentar