La Voz de Galicia

O Festival da Luz ilumina Boimorto

Cultura

TAMARA MONTERO SANTIAGO / LA VOZ

O Festival da Luz ilumina Boimorto

Máis de corenta artistas capitanean tres días de música e creatividade na aldea natal de Luz Casal, Andabao

09 Sep 2018. Actualizado a las 15:20 h.

Seguramente, cando sexa grande, Fiz non o lembre, pero un dos seus primeiros concertos foi entre o millo. Deitado nun prado cos seus pais, puxaba por erguerse por primeira vez mentres un pouco máis aló, diante mesmo dos altofalantes, outros que xa teñen vivido ducias de concertos berrábanlle a Josele Santiago que outra máis. Fiz non o lembrará, porque só ten nove meses, pero un dos seus primeiros festivais foi en Boimorto, un municipio dese rural galego que teimaba por non desaparecer. Que, malia todo, permanece. Un cachiño de ceo que está agochado ata que lle deitan luz enriba.

A que trouxo a luz a Andabao hai sete anos foi Luz Casal, que viu por primeira vez a luz alí. A mesma luz que onte acariñaba a cabeza de Fiz, empeñado en quitar os auriculares que o protexían do son que levantaba o espírito dos adultos. A mesma luz que se deitaba sobre os milleiros de persoas que se volveron dar cita no cerne mesmo de Galicia. No rural no que durante unha fin de semana conviven posto con posto os churros e as rosquillas que toda festa que se queira chamar tal ten que ter, porque se non non é festa, con lentes de sol feitas de madeira e de denim. No que as vacas pacen e son muxidas mentres Love of Lesbian amosa o seu gran truco final e as instagramers buscan a mellor imaxe coa que amorear uns cantos likes no seu perfil. Postureo rural. Tamén en Boimorto, que onte colgou o cartel de completo. Xa non había entradas.

Os cataláns era a gran atracción de onte, o día grande do Festival da Luz, que esta fin de semana xunta a máis de corenta artistas para espallalos por tres escenarios. «Cambiamos de geometría para entrar en un cerebro estupefacto ante su primer brote psicótico, que suena así». Josele Santiago, o cantante e compositor da mítica banda Los Enemigos, falaba así dende o fondo sur. No norte, as pandeireteiras de Verducido deixaban os pandeiros para poñer a xente a bailar coa súa versión de Fisterra. Polo acceso comezaban a aparecer os primeiros fans coas camisetas de John Boy, o himno que fixo de Love of Lesbian os reis do indie español.

SANDRA ALONSO

Zocos e brincos

No medio, o mercado. Unha ringleira enorme de persoas agardaban para conseguir unha presada de mazás. Unha parella andaluza miraba e remiraba os zocos de intensas cores de Elena Ferro, preguntando se realmente son cómodos. Si. Son.

Outra rapaza, un pouco máis abaixo, probaba uns brincos de Idoia Cuesta, deseñadora que ten demostrado que dende ese rural que agarda a que lle deiten luz se poden facer bolsos para Loewe. E na banda de arriba, sementaban música. Unha auténtica foliada no espazo cativo, onde baixo o cartel de Toxo Luthier -un artesán de Boimorto que fai guitarras eléctricas á man- ducias de voces cantaba a unha única voz un himno, Knockin’ on Heaven’s Door. En calquera festival, antes ou despois, sempre acaba aparecendo Bob Dylan.

Kase.O, Christina Rosenvinge e Seguridad Social para hoxe

Boimorto tampouco descansa hoxe, porque o Festival da Luz ten preparada unha xornada que, malia ser máis tranquila que a apoteose de onte, tampouco está libre de intensidade. Os tres escenarios arrincarán cara ao mediodía e neles xuntaranse grupos galegos, como Tempo Norte ou os Santiaguiños de Boimorto, e nacionais como o Sr. Chinarro, Conchita ou Andrés Suárez.

Os grandes nomes musicais da xornada están reservados para a tarde. Javier Ibarra, o rapeiro zaragozano que elevou ata o infinito o rap español con Doble V baixo o nome artístico de Kase.O, presenta en Boimorto o seu último disco, El círculo, que rematou de alzalo no hip-hop patrio no que entrou pola porta grande a finais dos 90 e que se rendeu ante el co xa mítico Vicios y virtudes.

Outra das cabezas de cartel é Christina Rosenvinge, que collerá os mandos do escenario Mans cultivando música ás 19.40 de hoxe. A madrileña, musa do indie español, chega cun disco fresquiño debaixo do brazo, Un hombre rubio, que viu a luz en febreiro deste ano que fala dende un eu masculino indefinido. Todo medrou nutríndose dun tema: Romance de plata, unha canción que Rosenvinge escribiu a noite que facía 26 anos da morte do seu pai, que aconteceu cando ela tiña 26 anos.

Seguridad Social será o grupo encargado de botar o peche este ano ao Festival da Luz. O veterano grupo, un referente incombustible da movida madrileña que ten publicados unha vintena de discos e asina auténticos himnos do pop español como Chiquilla ou Quiero tener tu presencia, chega hoxe ao festival que se celebra en Andabao para presentar os temas do seu proxecto máis experimental, La Encrucijada, un disco e cómic que teñen confeccionado canda ao artista gráfico Paco Roca.

 

 

 


Comentar