Secciones

Tu edición

Eva Iglesias: «Fágome a "rubia" cando quero»

A actriz e cantante interpreta a Concha no Land Rober da TVG

La Voz de Galicia

Eva Iglesias (Rianxo, 1987) mira directamente aos ollos, ri moito e ten un brillante incrustado nun dente que atrae a miña atención cada vez que o ensina. Falamos entre un compromiso e outro nunha ruidosa cafetería de Santiago, aínda que a personalidade do novo fenómeno da TVG crea unha atmosfera illante do barullo. Eva ocupa moito espazo. Como a Pantoja. Lean e entenderán

-Como leva a popularidade?

-Dende hai dous ou tres anos, recoñécenme moito máis pola rúa. Acércanse a pedir unha foto e a min encántame, porque iso é recibir moito cariño. Moitas veces non son consciente diso que me está pasando. Entro nun bar, por exemplo, e a xente xírase a mirar. Dáse máis conta meu marido que eu. Normalmente dinme: «Ti es...» e eu respondo: «Si, eu son», ha, ha.

-Chámanlle Eva ou chámanlle Concha?

-Chámanme polos dous nomes. Cando me chaman Concha, tamén me xiro.

-Vostede xa dixo que Concha é unha especie de adaptación da súa nai.

Teads fallback - Discover inRead by Teads!

-Concha viviu dentro de min moitos anos. Cando era máis adolescente, porque aínda me sinto adolescente, e quedabamos as amigas, eu imitaba a miña nai e falaba como Concha, aínda que miña nai non fala exactamente así. En Land Rober saíu á luz.

-E que opina súa nai da imitación?

-Miña nai non o sabe. Ben, igual o leu por aí nalgunha entrevista.

-Non se queixa porque se moquee dela na tele?

-Non, non se enfada porque miña nai é unha burlona coma min. Ela é a primeira que me apoiou e confiou en min. Meu pai tamén, pero era o que me dicía que estudara.

-Teño unha amiga que di que súa nai non sabe nada das vodas reais, pero que seguiu a súa de principio a fin.

-Para todas as noivas, a súa voda é espectacular, pero eu vivín a miña dun xeito moi especial. Cando me ofreceron no Land Rober compartir cachiños da voda, aceptei, aínda que logo pensei: «Na que me estou metendo». Pero foi unha das cousas máis bonitas que me pasou na vida. Compartín moitas cousas coa miña nai. Ela nunca subira a un avión, e fíxoo cando fomos comprar o vestido con Carmen Lomana. Ó día da voda flipei cando cheguei á praza e había xente de Lugo, xente de Ourense... Saín do coche e saudei como se fora a infanta, ha, ha.

-E que tal a vida de casada?

-Pois como a de solteira. Pero eu animo a casar a todo o mundo. Supoño que haberá máis cambios cos fillos.

-Xa está pensando niso?

-Quero ser mamá, pero sen apuros. Cando o sexa comunicareino no Land Rober.

-Ten xa algunha frase viral nos colexios.

-Si. Chámame moito a atención porque os nenos son superfáns do programa. Ás veces, na rúa, dígolles: «Pero, ti ves o Land Rober? Se acaba moi tarde!». E os pais dinme que ata que remata non hai maneira de levalos á cama.

-Como era de pequena, boa estudante?

-Non, ha, ha. Nunca me gustou estudar. O que me gustaba era cantar. Era moi traste.

-Conte algunha falcatruada que fixera.

-Unha vez rompínlle o pau da escoba a miña prima polo lombo. Lévame cinco anos e sempre estaba chuzándome. Pero eu teño moito xenio. Eu poñía unha cinta no pelo e xogaba a ser Rambo, ha, ha

-Vostede que foi cantante de orquestra, gústalle o reguetón?

-Para ir de festa, si. Pero gústanme todos os estilos.

-A Pantoja, din.

-É a miña ídola, unha artista impresionante. Os compañeiros do programa regaláronme unha entrada para vela en Sevilla.

-E que tal?

-Impresionante. Im-pre-sio-nan-te. A voz que ten, como enche o escenario...

-Celta ou Dépor?

-Dépor.

-Defínase en poucas palabras.

-Extravertida, alegre, sinxela e cariñosa. Tamén rubia. Fágome a rubia cando quero.

-Que tal na cociña, deféndese?

-Nada. A verdade é que nunca tiven a necesidade. Todos os días baixo a comer á súa casa.

-E unha tortilla de patacas, tampouco?

-Home! Unha tortilla, si.

-Tatuaxes?

-Esta flor de loto [mostra o antebrazo dereito], un corazón, as iniciais dos meus pais e a palabra «love», porque o amor é esencial.

-Quen destes diría que é máis guapo, máis atractivo: Pedro Sánchez, Albert Rivera, Iván Ferreiro ou Roberto Vilar?

-Vaia pregunta! (Pensa) Roberto Vilar é o meu xefe pero... Pedro Sánchez é moi atractivo.

-É moi activa nas redes sociais?

-Menos do que debería. En realidade son un pouco vaga coas redes.

-Unha canción.

-Lela, de Dulce Pontes.

-Que é o máis importante na vida?

-A familia.

Tags: Land Rober Roberto Vilar CRTVG Música
Ver Comentarios