Secciones

Tu edición

Anaír Rodríguez: «A onda feminista non é un bluf»

A editora de Xerais é autora de «Pioneiras. Galegas que abriron camiño»

La Voz de Galicia

A autora revelación do ano con Pioneiras. Galegas que abriron camiño ten a Antonia Ferrín e a María Cardarelly agardando a vez. «Cando escribín Pioneiras, desbotei por cuestión de espazo outras tantas precursoras. O segundo volume é un proxecto, pero se vai adiante estas dúas mulleres serán parte del», adianta Anaír Rodríguez (Vigo, 1978). A editora de Xerais é máis salgada que larpeira, medrou asexando o futuro en La Bola de Cristal e roubándolle cintas ao seu irmán: «Eu tiña unha especie de dobre vida: coas amigas podía cantar Alejandro Sanz e ao chegar á casa poñer La Polla Records». Vamos entrando.

-Vostede de quen vén sendo?

-Son filla da Fita, a da Leonisa dos Rachado.

-E medrou con Candy Candy!

-Si! Pero tamén con Pippi Mediaslongas e La bola de cristal.

-As nenas crense menos brillantes ca os nenos a partir dos 6 anos, conclúe un informe da revista «Science». Aínda nos limitan os estereotipos na infancia?

-O consumismo e o mundo da imaxe tenden a simplificar as mensaxes, e hoxe é máis difícil escapar deles que hai 30 anos.

-Abriu camiño a 12 pioneiras galegas no mundo actual. Como naceu este «axuste de contas» coa memoria?

Teads fallback - Discover inRead by Teads!

-Coñecín estas pioneiras a través de traballos sobre a historia das mulleres, eses si pioneiros!, como os de Aurora Marco ou os do Álbum de mulleres. Pareceume interesante achegarlles as vidas de tantas galegas descoñecidas e extraordinarias ás rapazas e rapaces, tan carentes de referentes femininos diversos, e pensei que un álbum ilustrado podería funcionar.

-Parece mentira que levasen tantos anos escondidas...

-Si, temos moitas débedas pendentes e unha é a recuperación da memoria histórica das mulleres.

-De Sofía Casanova sabemos algo, e ten rúa, pero quen foron Isabel Zendal ou Luz Morales? Con cal queda das 12 pioneiras?

-Todas son mulleres con biografías impresionantes, pero, se teño que escoller unha, pode que sexa Irene González: esa moza da Coruña que nos anos vinte tivo o valor de xogar ao fútbol en equipos masculinos e de porteira! Como di Cristina López no seu libro sobre as pioneiras do deporte en Galicia, Irene González foi unha transgresora.

-Vivimos un boom de reivindicación feminista. Será un bluf?

-É un logro que escoitemos a cada vez máis mulleres declararse feministas sen ter que dar explicacións. Non creo que a nova onda feminista sexa un bluf. É certo que o mercado sempre tenta tirar proveito dos movementos sociais e rebaixar o seu potencial transformador. Pero hai que diferenciar o que é unha camiseta de moda co lema «feminismo» das reivindicacións políticas das mulleres.

-É Beyoncé un mito feminista?

-Pareceume positivo que unha diva do pop como Beyoncé se declarase feminista e que a mensaxe influíse en milleiros de adolescentes, pero iso non quere dicir que sexa un símbolo do feminismo como movemento político...

-Séntese «membra» do mundo da cultura?

-A verdade é que nunca me vin como membra do mundo da cultura, pero gústame o poder político que ten o uso da linguaxe.

-O verán da súa vida foi...

-O de 2003, cando a miña parella e mais eu viaxamos coa organización Amarante-Setem a Nicaragua para coñecer proxectos locais de comercio xusto.

-Que aprende facendo libros de texto?

-Apréndese moito! Cando redacto para libros de texto, ou edito, tento mirar con ollos de nena ou de adolescente.

-Que non aprendeu na escola?

-Dende logo, nada sobre feminismo nin sobre as contribucións das mulleres ao coñecemento.

-Unha asignatura suspensa.

-Facer deporte.

-Que lle parece que Google nos conduza a «Viana del Bollo»?

-Ridículo e moi grave. O desprezo cara á nosa toponimia é un reflexo do desprezo cara ás persoas que falamos galego. En moitos ámbitos seguimos sendo cidadás de segunda.

-Lugar favorito en Galicia?

-Cabo Udra. E xa non é tan secreto como cando acampaba de nena coa miña familia, pero segue sendo o meu paraíso.

-Todo está escrito?

-Pode que o esencial xa fose dito algunha vez, pero hai infinitas maneiras de expresalo. Ese é un dos poderes da literatura...

-Falta de ortografía persoal...

-Ser demasiado autocrítica.

-Que non publicaría xamais?

-Acabamos de vivir un episodio deplorable de censura dun libro e varios intentos de coartar o traballo de xornalistas. Acéndeseme unha alarma se escoito que algo non se debería publicar.

-Palabra ou expresión fetiche.

-A miña avoa sempre usa a expresión «touporroutou» cando non lle interesa o que lle din. Paréceme un recurso estupendo!

-Di Leticia Dolera que ser feminista hoxe é vivir na contradición. Subscribe? 

-Totalmente, e se es branca e heterosexual aínda máis.

-Que ten unha pioneira?

-Supoño que ao longo da historia todas as pioneiras tiveron en común ser mulleres valentes.

-Le entre liñas?

-É importante ler entre liñas, e nos tempos da posverdade máis.

-Dixo algunha vez: «Home tiñas que ser»?

-Non sei se o dixen, pero pénsoo moitas veces...

-A descuberta da súa vida?

-Ver como vai medrando a miña filla.

Tags: Literatura Literatura galega Feminismo
Ver Comentarios