Secciones

Tu edición

«O cedé só serve xa para espantar paxaros»

O actor e humorista presenta esta noite no BâBâ Bar o seu novo monólogo, no que carga contra os vertixinosos avances tecnolóxicos

La Voz de Galicia

A Pedro Brandariz, como a moitísima xente, as novas tecnoloxías pasáronlle por encima como se fosen unha apisoadora. Pero como o cómico ten ese modo irresistible de contar as cousas, converte o drama nunha comedia. Ou nunha traxicomedia, mellor dito. Hoxe presenta no BâBâ Bar, ás 21.30 horas, o seu novo monólogo, titulado Technologies, que levará o venres ata o Edificio Social Toñito Espiñeira do Concello de Carral.

-Soa moi moderno iso de «Technologies». Pero ten a súa retranca.

-Analizo o que é o avance tan rápido que ten a tecnoloxía nestes tempos. É que a calquera persoa que lle guste un pouco o tema tecnolóxico se ve continuamente asoballada. ¿Qué facemos cos VHS e os deuvedés? Ou cos cedés mesmo. Menos mal que aquí en Galicia lle sacamos utilidade a todo, e aquilo que xa non serve o reciclamos para espantar paxaros. Que eu xa non sei como entra un paxaro en Galicia.

-¿De que formatos obsoletos fala?

Teads fallback - Discover inRead by Teads!

-Comezo facendo un percorrido dende as cintas de casete ata os nosos días, ata a telefonía, que tamén ten o seu. Alí falo do WhatsApp e do pernicioso que pode chegar a ser. Sobre todo os grupos nos que te meten sen que ti o pidas e os emoticonos que non sabemos moi ben o que significan. Ou da xente que escribe unha palabra en cada liña. É terrible. Pasamos non sei cantos anos da nosa vida aprendendo a escribir SMS cos números, que para poñer un erre tiñas que premer tres veces ao sete. E agora é todo tan fácil que deberían de cobrar por palabra, porque hai algún que non ten medida.

-E todo con un ton crítico.

-Si que hai crítica, sobre todo ao tema da obsolescencia programada, que fai que pouco a pouco nos vaiamos quedando obsoletos. Todo o monólogo está feito dende o punto de vista hater, un pouco protestón.

-Vostede xa ten unha idade, pero hai moita xente que nunca viu unha casete.

-Por si hai xente moi nova no público e non saben o que son as cintas de casete, vou levar algúns exemplares para que o poidan ver fisicamente. Voulles ensinar como se rebobinaba unha cinta, como gravabamos nós mesmos por riba do que tiñan aquelas contas de 60 ou de 90...

-¿É dos que garda lixo na casa coa esperanza de que se revalorice?

-Os vinilos volveron, así que eu estou á espera de que volva o VHS, porque a cantidade de cartos que tiña eu invertidos en pelis orixinais non é broma. Ademais, eu nunca fun arriscado con formatos raros, nin vídeo Betamax, nin Láser Disc nin nada de iso. Eu sempre fun a formatos consolidados, pero que quedaron igualmente fóra. Pero si, teño tantas cintas VHS na casa que non sei se reciclalas como material de construción.

Tags: Carral Whatsapp A Coruña ciudad
Ver Comentarios