La Voz de Galicia

Manuel Rial: «Falaremos do castelo dende distintas perspectivas»

Vimianzo

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

Vimianzo acollerá a primeira edición do simposio «O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos». Fala o técnico de Patrimonio

12 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Venres 28 e sábado 29 • A capital de Soneira acollerá na última fin de semana deste mes a primeira edición do simposio O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos. Expertos investigadores achegarán aos asistentes diversas perspectivas sobre a fortaleza. Disto falou onte mesmo en Radio Voz o técnico de Patrimonio, Manuel Rial (na imaxe, encarnando a Evaristo Martelo, último morador do monumento).

-Como foi o verán no castelo?

-Tivemos un verán moi completo: xusto agora estamos co balance de datos e podemos cifrar nun 10 % o incremento de visitantes con respecto ao ano pasado. Setembro tamén se está presentando moi ben: volven os grupos. Un bo ano e coa idea de superar as cifras do 2017, cando quedamos ás portas dos 30.000 visitantes.

-Satisfeitos, logo.

-Si, porque se deu unha oferta na que o castelo, neste caso, foi protagonista. Visitas guiadas, teatralizadas, obradoiros... Buscábase máis alá dunha visita rápida ou unha foto, que a xente coñecese máis a historia do monumento, e iso como porta de entrada para descubrir máis patrimonio do concello: é o caso da ruta dos dolmens, por exemplo.

-Algunha curiosidade?

-Notamos que en agosto o incremento non foi tanto coma en xullo. Ao turismo cultural sempre lle beneficia máis un tempo que non sexa de praia.

-Foi o primeiro monumento con visitas teatralizadas nesta zona.

-Si, Os Quinquilláns sempre xuntaban a entre 50 ou 100 persoas no patio. Quedan sorprendidas e agradéceno moito. As visitas teatralizadas como tal remataron, pero aínda teremos ocasión de ver a Tero Rodríguez cando veña representar A memoria do 36 o sábado 29 de setembro, a canda o simposio.

-Que pode contarnos del?

-Son dous días nos que imos falar do castelo desde distintas perspectivas. Serve mesmo para contar a historia de Galicia, porque son episodios que aconteceron en toda a comunidade: os castelos na Idade Media, a historia medieval, os irmandiños, a orixe da fortaleza, a memoria histórica... Tamén se abordará a xestión actual do patrimonio e o futuro máis próximo, as ideas que se teñen sobre o castelo de Vimianzo e o seu contorno para convertelo nun parque, para incluílo máis na vila.

-A quen se dirixe o simposio?

-A toda a xente interesada polo patrimonio, pola súa xestión, pola Idade Media ou pola memoria histórica. Tocamos moi distintas áreas e penso que vai ser bastante ameno. Veñen expertos nestas cuestións e falan de forma moi didáctica. Un público aberto, pois, non especializado; á parte das xornadas en si, haberá visitas, recitais, concerto e mesmo gastronomía medieval: petiscos irmandiños, doces inspirados no castelo...

-Onde se pode un anotar?

-Na páxina web do Concello, en vimianzo.gal. Hai un apartado para cubrir o formulario. É un simposio gratuíto e, ademais, estas xornadas serven ao profesorado para convalidar horas: o Centro de Formación e Recursos do Profesorado da Coruña tamén o ten xa a disposición para os mestres. Faise para levar conta dos inscritos para as actividades.


Comentar