La Voz de Galicia

«Cada un ten que arriscar ata onde a súa arte lle funcione diante da xente»

Cee

j. v. lado cee / La Voz

A REMOLLO | O intérprete carnotán César Cambeiro ve a diáspora, mesmo interna, como unha traba para a iniciativa local

02 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

O actor César Cambeiro Quintela (Carnota, 1958) aínda que agora fai vida na Coruña é un bo coñecedor de toda a Costa da Morte, por ocio e tamén por traballo porque mesmo acaba de actuar en Cee. Aínda que se tivese que quedar cun sitio só sería «sen dúbida» o seu Caldebarcos, polo tempo que pasa «no mar, fóra do mar, na volta do mar e no monte, tamén, por suposto». De feito gústalle moito camiñar polo Pindo, entendido en sentido amplo, e ten algunha experiencia recente de pasarse de quilómetros ata o punto de ter que chamar para que o fosen recoller.

-¿Que se leva da actuación de Cee o sábado pasado?

-A xente respondeu moi ben, co público aplaudindo de pé. É un espectáculo co que estamos moi satisfeitos e penso que gustou moito. Despois co que falei cos do Concello e coa a xente que foi vernos, dixéronme que moi ben. Actuei dúas veces neses auditorio: unha con Cyrano e outra cos Fillos do Sol e quedei sempre moi satisfeito e agradecido.

-¿Facía falta unha sala así?

-A verdade é que se botaba de menos. Tiñas un teatro antes que había que subir unhas escaleiras e que era un local que quen llo dera a moitos concellos, pero metías 200 persoas e estaba a tope. Por iso eu creo que Cee merecía xa algo de máis entidade como o que ten. Agora metes 200 persoas, é un público aceptable, pero hai que aspirar a máis porque o local pide máis. Unha boa infraestrutura sempre é moi importante.

-Despois do sitio veñen os contidos. ¿Como valora a aposta cultural que se está a facer na Costa da Morte estes anos?

-Hai moitas cousas que agora se me escapan porque a miña vida desenvólvese máis na Coruña, pero sei de xente -teño moita relación co Costa da Morte e teño actuado por Vimianzo e por aí- que procura facer as cousas ben, procura dar movida cultural, que é algo moi importante porque a tradición sempre foi outra. Foi máis de taberna, de andar de cachondeo. Poñer en valor a actividade cultural ás veces é moi recio e custa moito. Por exemplo en Carnota tentaron facer unha escola de teatro... Eu o que boto de menos -en xeral, nuns máis e noutros menos, pero en xeral- é a continuidade das iniciativas que non teñen moita tradición e incluso dalgunhas que si que a teñen. É moi inestable todo. Eu mesmo teño algunhas iniciativas, pero encamiñar por aí, por unha sociedade máis moderna, máis de darlle outros valores ás veces custa moito. Por iso ten moito mérito darlle vida, por exemplo, a unha asociación cultural.

-¿O público tamén se crea, non?

-O público créase con ideas que se acaban levando a cabo. Pero para iso fai falta xente que viva aí. Un dos hándicaps da Costa da Morte é que moitas iniciativas están feitas por xente que vive fóra. Para que se enganche a xente que vive aí fai falta case que sexan necesidades primarias. Unha comunidade de augas aínda a levas, porque fai falta para bebela inmediatamente; pero unha de montes, por exemplo, xa custa máis, porque non é tan produtiva. Nós agora mesmo temos un grupo de apicultura. Houbo dous que pasaron o verán en Caldebarcos, porque teñen aquí na Coruña unha empresa relacionada co ensino; pero que viva alí só hai un e, como di o outro, unha palla non fai palleiro.

-¿Que lle parece o acontecido con Rober Bodegas? ¿Ten límites o humor, hai que porllos?

-A comedia en xeral eu creo que non debe ter límites. Cada comediante pon os seus. Penso que cada un ten que arriscar ata onde a súa arte lle dea e lle funcione diante da xente. A min poden non gustarme os chistes que fixo Rober Bodegas, pero eu nunca o castigaría por iso, porque é o seu estilo. É o público o que che castiga indo aos teus espectáculos ou non, pero a oferta debe ser ampla e nunca debe ter cortapisas. O peor que lle pode pasar a un humorista ou a un actor... é a autocensura. Se te autocensuras non estás nunha sociedade libre. Agora as críticas tamén as tés que asumir, ou tenas que asumir neste caso, porque alguén tamén é moi libre de molestarse. De aí a pasar a ameazas é unha cousa completamente desmedida. Eu dende logo amósolle toda a miña solidariedade.

-Ás veces mesmo critica ese traballo xente que nin o coñece.

-Coa profesión do actor e do comediante pasa moito. Por suposto que ti podes opinar do que vés, o que non podes é ser dono de quen fai o traballo. O traballo faino quen o fai. Custa moito facer un monólogo e aínda moito máis aínda sacalo adiante diante da xente.

Para cotillas

¿Tivo algún agosto enteiro de vacacións? ¿Se o tivera que faría con el? Completo non, pero teño tido agostos bastante desafogados. Nesta profesión tés que mirar: ‘¿A ver que semana teño libre?’ e neses días coller algunhas vacacións. Non todos somos grandes estrelas que poidan escoller o traballo. Colles o traballo que vén e escolles se podes, pero moi poucas veces.

¿Praia ou monte? Se é un día de calor coma estes prefiro refrescarme na praia, pero son moi afeccionado ao monte. Teño bastante investigado o de Caldebarcos que é raíz do Pedregal. De feito este verán un día deses de moito calor subín, baixei e tiven que chamar que me viñesen buscar a San Cibrán.

¿Un debilidade gastronómica? O que vou facer mañá [por hoxe]: unha sardiñada, as sardiñas asadas.

¿A última película ou obra de teatro que viu? Película... Obra si: a última do CDG: Divinas Palabras, a de Valle Inclán. Para uns acertaron, para outros non, pero dende logo é un espectáculo que queda aí en carteira.

¿O último libro? Eh... Non teño moi boa memoria inmediata... Estou lendo un de Xabier Docampo e máis un de Jorge Mira, sobre o universo. Estou relendo Pedro Páramo e teño aí en carteira varios libros. Vai por tempadas. Agora mesmo estou picando de varios porque me estou documentando aí para uns temas.

¿Terraza chill out ou chiringuito? Na festa patronal quero o chiringuito da festa e tomar o vermú oíndo a orquestra. Agora que se é para unha posta de sol dáme un chill out.

¿Un sitio para ir de viaxe? O próximo que penso facer será a Madeira [Portugal] e espero que sexa antes do Nadal, veremos a ver.


Comentar