La Voz de Galicia

O recuncho de Juan Carlos Díaz del Valle | Un espazo de harmonía emocional

Carballo municipio

Juan Carlos Díaz del Valle

«Cústame moito quedarme cunha soa experiencia, o que mostra o afortunado que son polas vivencias e a compañía que compartín na miña vila», escribe o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle

12 Sep 2021. Actualizado a las 23:14 h.

No momento en que comezo a escribir cústame moito escoller entre todos os recunchos e lugares especiais da miña vida en Carballo, vila onde vivo dende 1965.

O primeiro que me vén á cabeza é a o edificio da actual Abanca, en especial o oitavo esquerda, que foi o meu primeiro piso familiar cos meus pais e a miña irmá Mari Nieves. Outro recanto referente foi o meu primeiro e único centro educativo, o Colexio Academia LEUS, onde estudei o terceiro grao da Enciclopedia Álvarez e, máis tarde os sete cursos de bacharelato, ata xuño de 1974, tempo no que tiven o privilexio de gozar coa docencia de profesores que foron un exemplo de vida e ensino, coma a señorita Visi, don Jesús Carracedo e Virginia Fuentes, entre outros e, se mo permiten, o meu pai, Julián.

Paralelamente, xurdiu algo que transformou a miña vida en diversos aspectos, como foi a chegada a Carballo dun novo párroco en 1972, José García Gondar, que promoveu a creación dun espazo social na parroquia onde nacería Vidas Alegres.

En 1974 deu paso a un grupo coral que foi o xerme de Xocaloma, dándome acceso non só á práctica musical, que enriqueceu o meu ciclo vital, senón a unha época adolescente na que as dinámicas relacionais son tan importantes. Facilitoume a posibilidade de gozar cos compañeiros e amigos cos que aínda manteño unha estreita relación persoal. Pódese dicir que este lugar, entendido como unha harmonía emocional de tempo e espazo, é hoxe, entre todos os lugares de Carballo, o máis especial, e por certo, ás veces sigo volvendo ás agachadas ao noso vello curruncho, testigo de tantos guateques e ensaios que realizamos.

Momentos e persoas

Ao rematar este texto só podo facer unha reflexión final: non é o lugar en si o que permanece en min, senón os momentos vividos e as persoas que forman parte deles. Decateime de que un lugar por si só non é nada sen as persoas que o poidan facer especial. É por eso que remato como comecei, custándome moito quedarme cunha soa experiencia, o que mostra o afortunado que son polas vivencias e a compañía que compartín na miña vila.


Comentar