La Voz de Galicia

De Xoán Pena a Antonio de Xornes: once nomes da regueifa en Ponteceso

Carballo

Suso e Antonio de Xornes, nunha regueifa no ano 2013

Domingo Blanco recompila a historia de nove cantadores e unha cantadora que destacaron pola súa capacidade para improvisar coplas e situaron as terras de Ponteceso como a capital da regueifa en Bergantiños

17 Oct 2026. Actualizado a las 05:00 h.

Ponteceso foi berce de algúns dos nomes máis destacados da regueifa bergantiñá. Desde Xoán Pena Fernandes, que viviu na segunda metade do século XIX, ata Suso e Antonio de Xornes, a tradición deixou unha longa relación de cantadores e cantadoras que fixeron da improvisación unha arte. O investigador Domingo Blanco recupera as súas traxectorias no traballo Cantadores improvisadores do concello de Ponteceso, no que considera que os regueifeiros do municipio están «entre os de nivel máis alto en toda a comarca bergantiñá».

As lembranzas máis antigas levan a Xoán Pena. Segundo recolle Blanco, os maiores considerábano «o máis principal que houbo» e aseguraban que «foi o mellor que houbo de todos eles». Cantaba historias e regueifas, mesmo mentres traballaba no campo. A comezos do século XX destacaron Ramón Álvarez, coñecido como Cadete, de Figueiroa; o Camuzas, de Pazos, e Leonarda de Tallo. Blanco sinala que o Cadete era considerado «o mellor do seu tempo» e que deixou «gran sona entre os regueifeiros de Bergantiños que viñeron despois». «O Camuzas» foi un dos seus contrincantes habituais.

Leonarda ocupa un lugar singular nesta historia. O investigador destaca a súa «enorme sona como cantadeira improvisadora» e a súa capacidade para competir «con éxito cos mellores regueifeiros do seu tempo». Foi, ademais, «a única muller que se acorda que participara en regueifas» na comarca. O seu enxeño e a súa habilidade para responder aos contrincantes permitíronlle medirse cos homes nunha tradición na que, segundo Blanco, as disputas eran «case exclusivamente masculinas».

A relación de figuras lembradas inclúe tamén o Berdías, de San Martiño de Cores, e Eliseo Cotelo da Ourada, quen, segundo o investigador, «cantou no seu tempo cos mellores regueifeiros da Baixa de Bergantiños». No proceso de traballo de campo para a preparación da xornada de homenaxe aos regueifeiros de Ponteceso [hoxe], a informante da Campara Teresa de Mingos falounos de Vidal, Alfredo Varela Vidal, de Nemeño, un bo regueifeiro que durante a primeira metade do século XX adoitaba cantar co «Cadete».

Xornes, terra de improvisadores

A tradición tivo continuidade ao longo do século XX, especialmente en Xornes. Blanco define a parroquia como «o berce de nada menos que de tres cantadores de alto nivel». Un deles foi José García Amarelle, Mandián, que introduciu Calviño no mundo da regueifa na década de 1950 e transmitiu tamén os seus coñecementos ao seu sobriño Suso de Xornes. Blanco destaca del «a inventiva e a moderación». Xosé Fernández Rama, Calviño de Tallo, converteuse nun dos regueifeiros máis recoñecidos de Bergantiños. A súa boa voz, o humor, a resistencia nas disputas e a capacidade para construír coplas fixérono destacar entre os seus contemporáneos. Tras a retirada de Blanquiño de Muiñoseco, Calviño de Tallo foi o regueifeiro máis famoso da zona. A súa pegada mantívose nas xeracións posteriores. Jesús Lema García, Suso de Xornes, sobriño e discípulo de Mandián, destacou pola súa capacidade improvisadora e pola súa contribución á continuidade da regueifa. Tamén Antonio Rodríguez Carabel, Antonio de Xornes, aprendeu de Mandián e de Calviño. Blanco considérao «un elo indispensable entre a vella e nova regueifa».

Unha tradición que segue viva

Xoán Pena Fernandes, o Cadete, Vidal, o Camuzas, o Berdías, Leonarda de Tallo, Eliseo Cotelo, Mandián, Calviño de Tallo, Suso de Xornes e Antonio de Xornes conforman esta relación de dez figuras da regueifa de Ponteceso. A súa historia é a dunha cultura transmitida de boca en boca, na que a memoria, o dominio da lingua e a capacidade de improvisar permitiron conservar coplas e estilos ao longo de varias xeracións. Domingo Blanco resume o valor desta tradición: «Unha manifestación de xenuína arte popular».

HOXE, ACTO DE HOMENAXE


Comentar