O escritor Xosé Miranda (premios Xerais de novela 1998 e Merlín 2002 por Morning Star e Pel de lobo) é o protagonista da actividade organizada para esta tarde por Lumieira no Casino de Carballo (ás 21.00 horas).
-¿Cal será o tema da charla?
-Os responsables de Lumieira pedíronme que falase da influencia da miña cidade na miña obra. E por iso vou falar de Lugo, porque alí me criei e iso nótase nas miñas obras. Pero tamén vou falar doutros sitios especiais para min, como Pontevedra.
-¿As cidades poden acabar sendo unha personaxe máis das historias?
-Eu penso que si. As paisaxes son moi importantes nos meus libros, xa que as súas texturas inflúen nos relatos. De algún xeito, tento facer con Lugo o que fixo Blanco Amor con Ourense, que é un caso paradigmático de cidade que influiu en moitos outros autores.
-¿Pode ser, pois, que o feísmo actual nos condene a unha literatura semellante?
-Si se extrapola, ás veces. Hai libros feos, aínda que eu non son dos que pensan que todo ten o seu valor. Eu prefiro as cousas bonitas e igual que non me gustan os edificios feos, non me gustan os libros que se recrean nese feísmo.
-Fai poucos días, presentou a súa nova obra, «Arrepíos e outros medos».
-Si. É o primeiro libro dunha colección de lendas coa que queremos facer algo semellante ao que fixemos cos contos na serie de Cabalo buligán. Do que se trata é de poñer un pouco de orde nese complicado e maltratado mundo da tradición oral. Queremos que a xente lea, disfrute e sinta a punzada do terror.
-A pesar da tradición galega de historias escuras parece que o xénero de terror está un pouco abandonado.
-En xeral, aquí a literatura fantástica está esquecida e minusvalorada porque parece que se instalou o virus do costumismo, de tentar fotocopiar o mundo, sen darse de conta de que son iguais de reais o conde Drácula que don Quixote, porque ambos son creacións literarias.