La Voz de Galicia

Luis Rodríguez Lado: O noiés que predí incendios e contaminacións

Barbanza

L. Veiga Ribeira / La Voz Investigador en GeoForsk

Orgullo Barbancés | Utiliza a intelixencia artificial e a cartografía ambiental para previr riscos para o planeta e as persoas

13 Feb 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Unha combinación de tecnoloxía e medio ambiente, así se podería definir o traballo de Luis Rodríguez Lado (Noia, 1970). Pouco despois de licenciarse en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela comezou a súa carreira investigadora, centrada especialmente na estimación das propiedades dos solos e augas mediante algoritmos automatizados. Dende ese momento, coa súa experiencia chegou a facer cousas tan interesantes como un mapa para cartografar o risco potencial de aparición da avespa velutina en Galicia mediante unha aplicación que integra a observación dos individuos, datos climáticos e modelos estatísticos espazo temporais.

A día de hoxe, o seu traballo que máis repercusión tivo, e que chegou a ser publicado na revista Science, foi o que realizou no Instituto Federal de Ciencia e Tecnoloxía da Auga de Suíza. Alí, nun proxecto en colaboración cun centro chinés, puido predicir os niveis de risco de contaminación por arsénico: «China ten este problema polos sedimentos erosionados do Himalaia, pero non se detecta o envelenamento ata pasadas varias décadas, cando a poboación dunha zona determinada comeza a desenvolver cancros. Con este traballo fixemos un mapa de forma que o goberno, en vez de ir pozo por pozo analizando, algo inabarcable nun país tan grande, vai a tiro fixo ás zonas de alto risco».

Neste sentido, o investigador sinala especialmente o centro suízo como punteiro no eido medio ambiental: «Son o número un de Europa, teñen unha conciencia medioambiental altísima, e tamén moita proxección cara o estranxeiro, especialmente en países como Bangladesh ou Vietnam. China é unha potencia e lles interesa ter boa relación, polo que hai moitos convenios de colaboración e fundacións».

En tempo real

Actualmente, estabelecido como investigador independente na súa propia consultoría, GeoForsk, utiliza sistemas de monitorización e o Internet das Cousas (IOT) para o seguimento ambiental. Unha das súas principais liñas de investigación ten que ver coa prevención dos incendios: «Analizamos os axentes que proveñen de causas naturais nun proxecto da USC, Terramater. Eu levo a modelización do risco, utilizando factores que axudan a predicir este tipo de lumes. Emprego catro sensores que miden a humidade e temperatura do solo e que envían os datos cada media hora; un na serra de Barbanza, dous na área de Santiago e outro na serra do Xurés». O obxectivo é estabelecer as relacións entre a presenza de incendios na última década e as condicións que se deron, extraendo un mapa de risco para catalogar as diferentes zonas da comunidade.

A avaliación en tempo real supón unha das súas especialidades, que tamén desenvolve no eido mariño: «Creamos unha plataforma para coñecer de forma automatizada o estado ecolóxico e ambiental de ecosistemas do fondo mariño». Esta, está a ser utilizada nos informes de seguimento ambiental do Pescanova Biomarine Center no Grove.

Na comarca

Outra das liñas que mantén na actualidade é a caracterización de especies de fitoplancto por medio de intelixencia artificial: «A idea é adestrar a un algoritmo para que, a partir de imaxes obtidas de microscopio, podamos determinar o número e especies que hai nesa mostra. Serviría para facer unha rápida identificación das especies que provocan as intoxicacións por consumo de bivalvos». Os moluscos tamén son os protagonistas doutro proxecto, en colaboración coa confraría de Noia: «Estamos implementando unha rede de sensores de turbidez, temperatura e salinidade, que son as condicións que poden afectar á mortalidade do berberecho».

Por outra banda, o investigador apunta á contaminación das augas polos residuos gandeiros e polos vertidos urbanos non depurados como principais ameazas para Barbanza, e para toda Galicia en xeral, xa que supoñen a liberación de nitróxeno ou antibióticos ao ecosistema: «Hai que atallalo canto antes. A vantaxe que temos é que as altas precipitacións favorecen a dilución destes elementos, pero o quecemento do planeta está alterando a dinámica. Ao reducirse a taxa de precipitacións haberá menos auga para consumo humano e será de peor calidade».

 


Comentar