La Voz de Galicia

Preguntar

Barbanza

Manuel Gago

11 Feb 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez unha vella estaba contándonos unha lenda incrible sobre o castro da súa parroquia. A súa filla mirouna asombrada. «Mamá, por que nunca me contaches isto?». A nai despachouna cunha frase ben directa: «Porque nunca mo preguntaches». Aínda que, recoñezámolo, a vella non era un exemplo de delicadeza, levaba boa razón. Nós chegaramos ata alí preguntando, e ela respondeu. Así de sinxelo. Pero as dúas partes eran necesarias.

Lembrei moitas veces esta historia, porque me pasa algo parecido cando conto historias de Galicia e a súa cultura. Os meus oíntes sorpréndense: «E isto como non se sabe? Como non se difunde?». Adoito contestarlles que iso é o que estou facendo, que esa historia se repite cada certo tempo nos medios de comunicación, dispoñible a un clic de Google. Abonda con ter un mínimo de interese. Sospeito que non é a resposta que agardan. Co doado que é botarlle a culpa a algunha malvada institución que agache perversamente a información para rematar dunha vez coa nosa identidade!

Penso nisto ao ver como os interesados esgotan en minutos os abonos rebaixados de festivais como O Son do Camiño, ou como case todos temos unha noción bastante precisa das limitacións pandémicas que cambian cada semana.

Sen exculpar a quen teña a culpa, a verdade é máis dramática: só nos decatamos do que nos interesa. É como cando todo o mundo dicía que vía La 2. Por iso sei cal é o meu obxectivo como divulgador: conseguir que a xente faga preguntas, máis que crer que lle estou dando respostas.


Comentar