La Voz de Galicia

Camiño de servidume

Barbanza

José Rodríguez Cabeza Desde fóra

11 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días estiven na casa do meu tío Sindo e sorprendeume que reducise o seu rabaño de máis de vinte ovellas quedándose só con sete para autoconsumo. Motivo, o lobo liscoulle unhas cantas nos derradeiros tempos, así que rematou tomando esa decisión polas voltas que lle deron na Xunta para rematar non indemnizándolle nin chisca. Algo semellante me contou moita xente no tema dos froiteiros que sempre había e agora non hai. De feito na boirense parroquia de Cespón desapareceron ata as súas famosas cerdeiras.

Estas situacións, como a dos estragos dos xabarís nos mainceiros dende o parque dunar de Corrubedo ata Mazaricos son as consecuencias dunha política errática e moi perniciosa para Galicia por parte do goberno Feijoo. Vexamos. Coñezo unha granxa de 250 vacas manexada polo pai, pola nai e polo fillo. Pretenden contratar un traballador e nin sequera atopan unha persoa axeitada. ¿Como poden subvencionarse explotacións de tan alta capitalización e de tan baixo nivel de emprego directo se, ademais, a industria agro-alimentaria no seu conxunto supón só arredor dun 14 % do PIB galego?.

Ultimamente estamos asistindo a un gran debate ideolóxico e xa se recoñece abertamente que o gran erro de Rajoy foi claudicar do liberalismo democrático deseñado polo Nobel de economía Friedrich Von Hayek para rebater as teorías socialistas -incluso á social-democracia- e xa non digamos ás comunistas de entre-guerras. Estou relendo a súa obra comentada, Camiño de servidume, e penso nas dificultades que xa está tendo Pablo Casado na recondución do PP.

 


Comentar