La Voz de Galicia

A Moreniña deixouse arrolar de novo polas ondiñas da ría arousá

Barbanza

m. x. blanco ribeira / la voz

O barco Suárez 2 foi o encargado de levar a imaxe nunha travesía que incluíu a parada de rigor en Tanxil

10 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a popular canción lle pide á Virxe da Guadalupe que non se embarque, que se vai a marear, a Moreniña volveu onte a deixarse levar polas ondiñas da ría de Arousa. Foi, pola calma que presentaba o mar na soleada xornada, un arrolo no que participaron, no mar e mirando desde terra, centos de rianxeiros.

A estampa que ás 12.00 se podía ver na praza Castelao rianxeira xa o dicía todo. Un fervedoiro de persoas esperaban a que rematara a misa que se estaba celebrando no interior da pequena capela para acompañar á Guadalupe no seu percorrido por terra ata o peirao. Veciños, sobre todo nenos, portando cestos de pétalos e remos en alto abriron unha comitiva que foi seguida e fotografada desde as rúas por numerosas persoas.

No peirao, a imaxe e as autoridades subiron a bordo do Suárez 2 para emprender unha travesía coa obrigada parada en Tanxil, ao pé da estatua da Virxe Moreniña, onde todas as embarcacións participantes na procesión fixeron soar as súas sirenas. Foron preto de medio cento os barcos que nesta ocasión se sumaron á homenaxe. Había en Rianxo quen non dubidaba en asegurar que se trataba da cifra máis elevada dos últimos tempos.

A cita, un dos puntais do programa das festas da Gaudalupe, viña precedida polo cheo que a vila rexistrou a noite do sábado con motivo do Rock in Rian. Sabíase que o cartel desta undécima edición do festival, integrado por Ezetaerre, Funkiwis, Skandalo GZ e Boikot; prometía e o público non defraudou, responde cun abarrote.

Pero os rianxeiros teñen que ir dosificando forzas, xa que por diante teñen aínda cinco intensas xornadas festivas, con propostas de moito peso, coma o Feirón Mariñeiro do xoves ou a traca final, co acendido das bengalas, o venres pola noite.

 

Asalto das Juadalupeñas

Aínda que xa veñen enchendo de cor as pasadas xornadas festivas, as Juadalupeñas cobrarán hoxe relevancia. Entrarán en acción ás 12.00, na praza Castelao, para medir a súa destreza en divertidas competicións. Logo, os seus membros repoñerán forzas cun xantar popular no parque da Martela. De sementar o ambiente festivo polas rúas de Rianxo tamén se encargarán nesta xornada a Banda Artística de Merza, que ofrecerá dous concertos, ás 13.00 e ás 18.00; a escola de baile El Tomasón, cunha actuación ás 19.30; e as orquestras Abanico e Marbella, que animarán a verbena.


Comentar