La Voz de Galicia

Fin de curso

Barbanza

Patricia Torrado

26 Jun 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Penúltimo día de clase de ética no instituto; os rapaces andan algo revoltos e descentrados con iso da fin de curso. Hoxe tocou falar do nacemento da política, da democracia.

-A ética e a política, tanto en Platón coma en Aristóteles, son ámbitos inseparables: a ética conduce á política e a política transmite o ideal ético. Aristóteles dicía que o ser humano é pola súa natureza e condición, un ser esencialmente político, porque é no seo da comunidade onde se pode realizar como tal, e desenvolver todas as súas posibilidades.

Xurxo, queres facer o favor de dicirme en que matinas para non estar atendendo en clase?

-En nada.

-Como que nada, de que estamos a falar?

-Da política e da democracia, de Aristóteles. De que demos é pobo e que kratos é goberno. Pero eu non sei nada de política, de feito nin me interesa. Só sei o que se di na tele; que se corruptos, que se tarxetas negras, que se Suíza... pero a metade dos conceptos non sei nin o que significan. O que si sei é que todo ten que ver cos políticos.

-E sabes o que son as eleccións? Diso falabamos.

-Ah! Iso si, serven para que siga estando o mesmo alcalde que estaba.

-Por que dis iso?

-Porque antes das últimas eleccións, mamá veu moi preocupada para a casa, traballa para o Concello atendendo os vellos nas casas, e o alcalde díxolle que se non o votaba a el e non saía elixido, que a botarían á rúa e que non tería cartos para sacarnos adiante a meu irmán e a min; porque desde que se divorciaron, papá non manda nada.

-Iso lle dixo? E ela que fixo?

-Ela votouno, porque ten moito medo a non ter choio, porque a cousa anda mal.

-O resto da clase, que pensades diso?

-Profe! Pepe, que traballa no Concello tamén lle dixo a meu pai que se votaba ao alcalde dábanlle 60?.

-Ao meu tío díxolle que o contrataría para a obra do xeriátrico.

-E ao meu veciño Miguel déronlle 15?, el é un pobre moinante que se dá ao viño e, unha vez que remata o cartón, cáscao todo.

-Profe!

-Dime Icía!

-A miña avoa Luz, que vai á calceta, estivo a falar das eleccións coa señora Carme e coa señora Mariana, e elas dicíanlle que aínda que son dos «sosialistas» de toda a vida, págalles máis a pena que gañe o que está agora, que o manexan mellor, e non lles vaia sacar as pensións.

Despois de semellante balbordo, case foi imposible explicarlles o que significaba o sufraxio universal, libre, directo e secreto; da importancia de non facer distincións de raza, sexo, crenzas, condición sexual ou situación social.

-Entón, polo que nos di, todo iso é ilegal?

-Claro, Xurxo!

-Pois menudo debate para rematar o curso!

Patricia Torrado

Licenciada en Filosofía, museóloga e experta en restauración e conservación do patrimonio.


Comentar