La Voz de Galicia

¿Preparados para o turismo?

Barbanza

Carlos Coto Arquitecto

06 Mar 2013. Actualizado a las 07:00 h.

Anegociación con Alemaña para a entrada na Unión Europea de España, Portugal e Grecia puido partir dunha estratexia na que nos comprometemos a mudar a nosa estrutura produtiva e o noso propio estilo de vida. Facerse socio de un exclusivo club suporía renunciar ao noso tecido produtivo que, malia as súas carencias, mantiña a nosa autosuficiencia fronte ao resto do mundo.

A negociación para a entrada no primeiro mercado mundial era incompatible coa competencia directa cos estados principais da comunidade, tendo que renunciar á nosa agricultura, á nosa pesca e á nosa industria. Foi así como chegaron as subvencións europeas para desmantelar o noso patrimonio, os nosos barcos, as nosas cepas, o noso leite. Quedaría ben claro que os españois, portugueses e gregos aportarían á Unión Europea un lugar para o descanso, diversión e lecer dos alemáns, británicos, suecos ou franceses. Os tres estados serían os destinos turísticos dos europeos do norte, renunciando ao noso sector primario e á propia industria.

Subvencionáronos para que construíramos trens de alta velocidade e autoestradas para mellorar a accesibilidade dos turistas, portos deportivos ou cidades da cultura, das artes, da música ou do teatro, todos eles para complementar a oferta turística, pero subvencionáronos tamén para demoler as nosas fábricas.

Con esa tormenta de axudas perdemos a visión de futuro, crémonos tan ricos coma eles, compramos automóbiles de alta gama alemáns, incrementamos o volume das nosas universidades para formar aos nosos mozos, e sobre todo, construímos, construímos máis do que precisabamos, coa axuda necesaria das entidades bancarias.

Agora que todo o sistema financeiro rebentou atopámonos con unha mocidade moi preparada que vai traballar para eles, a industria desmantelada. Xa non construímos porque temos un excedente de vivendas, e o noso patrimonio arquitectónico fómolo destruíndo pouco a pouco.

A situación actual é patética: grandes infraestruturas que manter, un paquete de mozos no desemprego ou emigrando e a industria desmantelada. Preguntámonos cara a onde tiramos, porque non nos decatamos que o turismo non é a panacea que nos contaron, e temos que inventar festas gastronómicas e eventos turísticos para a nosa supervivencia.


Comentar