La Voz de Galicia

«Unha maqueta lévame entre dúas mil e dúas mil cincocentas horas»

A Mariña

yolanda garcía viveiro / la voz Modelista naval de Celeiro (Viveiro)

Ao longo da súa vida, fixo unhas 20 de barcos e parte expóñense agora en Viveiro

09 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo de toda a súa vida, unhas vinte maquetas de barcos a escala viron a luz grazas ás mans de Severino Balseiro (1955, Celeiro-Viveiro), un apaixoado pola carpintería aínda que a súa traxectoria profesional estivo ligada ao mar dende os 15 aos 22 anos e despois, ata os 59, a Alcoa. Por iso, agora xubilado, pode entregar horas do seu día a tocar o órgano, a cantar en Sons de Celeiro... e a facer barcos en «miniatura». Catorce deles expóñense actualmente no Conservatorio de Viveiro dentro da iniciativa sociocultural Vivemar e, no seu caso, formando parte da actividade da Asociación Modelismo Naval y RC (radiocontrol) recén constituída en Ferrol e á que pertence na actualidade.

-Cantos anos leva dedicándose ao modelismo naval en firme?

-Dende que parei a andar ao mar con 22 anos parei de facer barcos, porque me fun para Alcoa, ata que me xubilei. Retomei a afección no ano 2003.

-Por certo, non faría tamén a factoría en maqueta a escala?

-(Ri). Total, son 12 quilómetros cadrados a superficie que ten... É pouco. Si que teño unha maqueta, que eu inventei, o anagrama de Alcoa, que fixen en papel en tres dimensións, en cartulina e finalmente en roble, dando voltas cun motor de microondas.

-Volvendo ao tema dos barcos, cantos faría logo?

-Uns 20. Teño 14 meus e o resto regaleinos no seu día. Tamén fixen un cadro, un medio casco, que teño no salón. Chámase Beibi. Agora estou co Flecha de Celeiro. Vai medir 156 por 36,5 de ancho. A escala é 1:22, igual que o Pino Ladra e o Mariscador. Penso que é máis complexo polos motores, xa que leva once e funcionan todos, igual que os radares.

-Por certo, cantas horas lle leva de media facer cada un deles?

-Entre dúas mil e dúas mil cincocentas horas. Máis ou menos, sabendo as horas que traballo todos os días e os 21 ou 22 meses que me leva facelos. O Pino Ladra acabeino antes, porque fixen máis horas diarias, non porque me dera máis que facer.

-Como se se dedicase a facer encaixe de bolillos, vamos...

-Algo parecido. Eu non compro nada máis que a emisora e pouco máis. A construcción do barco fáigoa toda na casa, no torno e na carpintería. As pastecas teñen rodas, as portas levan visagras e abren e cerran e quítanse... É todo artesanal. Hai pezas tan pequeniñas que levan un traballo moi minucioso.

-Dálle a vida, verdade?

-Como non me vai dar a vida! Estou relaxado ao cen por cen!

-Antes pertencía á asociación Amonaga e agora está nunha nova creada en Ferrol, non si?

-Estiven en Amonaga dende 2006. Tiña o número once e eramos setenta e pico socios, pero pola inactividade por parte deles e falta de interese, decidín borrarme. Para facer navegacións, que agora facemos na Malata en Ferrol, é mellor facelas en nome dunha asociaciación, non a nivel particular. Se quero navegar na piscina de Celeiro pedimos permiso ao Concello de Viveiro. Na Mariña non hai un estanque que se preste para isto. No dos patos en Covas non me viran os barcos nin de broma. Se fixeran alí un estanque, estaría marabilloso e daríalle auxe aquí. Non temos onde navegar realmente, pois a piscina non é un sitio idóneo pola temperatura (...) e meter os barcos no mar é complicado porque a auga salgada é mala para eles, aínda que facemos barcos con bos materiais. Eu meto latón e aceiro inoxidable e son barcos feitos en roble ou castaño.

-Alguén herdou esta paixón dentro da súa familia?

-Un dos meus fillos, Rubén, fixo tallas en madeira, escudos, cadros... pero non se dedica a isto. O outro, Jabel, está máis centrado no mundo do deporte.


Comentar