«Cunqueiro sabíase xenial pero non era petulante»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

O catedrático publica a derradeira entrevista ao escritor mindoniense

21 dic 2011 . Actualizado a las 20:57 h.

César Morán é o autor do libro-disco Haberá primavera. Catorce poemas-Catorce cancións (Editorial Galaxia), no que lle puxo música a algunhas poesías de Álvaro Cunqueiro, engadindo unha entrevista que lle fixo ao autor mindoniense días antes do seu pasamento, sendo a derradeira que se coñece. César Morán é catedrático de Lingua e Literatura Galega, ademais de músico, e fixo tanto a súa tese como o seu doutoramento en torno á figura do escritor de Mondoñedo. Ademais de dous traballos discográficos previos, César Morán tamén foi o encargado de poñerlle música a unha produción do Centro Dramático Galego.

-¿Que lle atrapou de Álvaro Cunqueiro?

-Ocorreu hai tempo, nos últimos anos da carreira na universidade. É o autor ao que máis horas da miña vida teño dedicado porque atrapoume apaxioadamente. Agora, este traballo é musical e literario, pero foi a través da literatura como eu entrei en contaco con esta figura literaria, que considerei sempre xenial. Empecei pola narrativa, despois chegou o teatro e a poesía.

-¿Cal foi o contexto daquela entrevista que agora se inclúe no libro-disco?

-Eu estaba a facer a tese da licenciatura sobre el. Entrevisteino na súa casa de Vigo, na véspera da festividade de Reis do ano 1981, cincuenta días antes da súa morte. O contacto humano con aquela figura é algo que me quedou gravado para sempre. Eu levaba a súa obra lida, e o que encontrei, ao outro lado da mesa camilla onde falamos, foi ese ser que ti adiviñas a través dos seus textos. Síntome moi afortunado por ter a sorte de poder facerlle aquela entrevista, que ademais foi a derradeira que se lle fixo.

-¿Reprodúcese integramente a entrevista?

-O audio que se publica é a entrevista íntegra que ata hoxe o seu son permanecera inédito. A transcrición escrita foi publicada parcialmente, pero non era completa. Agora, só suprimín un minuto no que falamos de cousas de tipo familiar porque a miña familia materna é de Mondoñedo. Foi o único que suprimín porque pareceume que non tiña interese para o público.

-¿Durante a entrevista faloulle con aquela voz elevada e solemne que empregaba nos actos oficiais ou mostrouse máis familiar?

-Foi moi afable e amigable. Era moi natural. Creo que el sabía da súa xenialidade pero non era petulante e mantiña unha naturalidade e humildade. Foi marabilloso. Tamén é certo que el estaba xa enfermo, pero estaba cheo de vitalidade.

-¿Resultoulle complicado facer a escolma de poemas para este libro-disco?

-Hai un ano que comecei a traballar no que é a musica de Haberá primavera. Partía de que eu xa había musicado media ducia de poemas de Álvaro Cunqueiro e propúxenme facer outros tantos. Seleccionar os textos foi delicado porque non quería facer o que fixeran moi ben outros anteriormente, que era musicar os poemas máis novatrobadorescos. Son poemas de Herba aquí e acolá, poesía das últimas décadas, poesía innovadora, e aí se mestura o poema co relato e mesmo co teatro; son os máis difíciles de musicar pero fun a eles. Ao mesmo tempo, os vangardistas de Mar ao Norde, de 1932. É a poesía que musiquei.

césar morán músico e filólogo