Dobre-actuar no PSOE vigués

Óscar Lomba

VIGO

24 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

George Orwell falaba do dobre-pensar na súa novela 1984. As cabezas dalgúns dirixentes do PSOE vigués parece que deberon engadir á súa masa encefálica algún mecanismo semellante a este orixinal concepto orwelliano.

Teñamos en conta o asunto do presunto funcionario corrupto e dirixente do PSOE que, malia ser denunciado por tráfico de influencias e outros feitos graves, aínda non foi expedientado e simplemente aceptouse a súa baixa voluntaria do partido, quizais para enxaugar a reputación da organización de cara á opinión pública.

Entrementres aínda continúa en curso o expediente aberto contra dous militantes da mesma agrupación do Partido do que tamén forma parte o devandito funcionario denunciado.

É conveniente recordar que a persoa que descubriu estes supostos feitos delituosos afirma que previamente os puxo en coñecemento dalgúns membros da Comisión Executiva Local do PSOE, é dicir, da mesma dirección que abriu os expedientes aos militantes prexudicados. O PSOE vigués mantén as acusacións contra Carlos Príncipe e Antonio Chaves por unha presunta falta de solidariedade contra as decisións adoptadas polos órganos competentes do partido.

Paralelamente a militancia socialista presenza abraiada a sucesión de declaracións de cualificados voceiros da Executiva do PSOE vigués que afirman que descoñecían as actividades do dirixente agora denunciado mentres son eses mesmos voceiros os que toleraron os feitos descubertos ao non intervir -expedientándoo e suspendéndoo preventivamente de militancia- cando tiveron coñecemento dos referidos feitos.

Por todo o exposto pódese advertir o rechamante que resulta que a actual dirección do partido socialista vigués actúe cunha moral tan maleable e adaptable ás distintas conxunturas que aconsellan os seus propios intereses corporativos (o que nos podería conducir a acuñar un novo termo: dobre-actuar).

Esa distinta vara de medir conduce á dirección socialista olívica a un criterio moral de actuación que se aplica con máis rigor nun grupo (ou individuo) que noutro.

Ese xeito de proceder ou dobre-actuar é indigno porque viola o principio de xustiza coñecido como imparcialidade. A imparcialidade é a regra segundo a cal teríanse que aplicar os mesmos criterios a todas as persoas sen parcialidade nin favoritismo.

Ese dobre-actuar baseado nunha dobre moral viola este principio pois toma en conta ás persoas segundo diferentes criterios. Deste xeito os incómodos son expedientados e os apegados á camarilla son amparados ou simplemente dispensados.