O home dos libros

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO/LA VOZ.

VIGO

A Casa Galega da Cultura inaugura hoxe unha exposición dedicada a Fermín Penzol, o gran mecenas da cultura galega

19 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Durante anos, os estudosos da cultura galega tiñan unha cita obrigada nun piso da rúa Policarpo Sanz. Dende 1963, alí estaba a Biblioteca Penzol, a máis completa colección de libros, publicacións periódicas e arquivos relacionados con Galicia. ¿Pero quen é Penzol?

Está pregunta ten resposta a partir de hoxe na Casa Galega da Cultura. Alí terá lugar unha exposición titulada Fermín Penzol. Unha obra para un país , que organizan a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Vigo e a propia Fundación Penzol.

Curiosamente, Fermín Penzol non naceu en Galicia, aínda que pouco importa porque este rexistrador da propiedade viviu para Galicia dun xeito activo. Fillo dun xuíz, viviu en Mondoñedo a súa infancia, e a adolescencia en Pontevedra. Enténdese así que, cando estudaba Dereito en Madrid, contactase coas Irmandades da Fala. Ou que durante a República estivera afiliado ao Partido Galeguista.

Dende moi novo, iniciou unha colección de libros, revistas e documentos galegos. Tamén dende a distancia, formou parte do núcleo fundador do grupo Galaxia. Esta vinculación fixo que Fermín Penzol entregase en depósito a súa colección a Galaxia en 1956 e por iso quedou en Vigo este legado.

O galeguismo histórico

Xa no ano 1963, comeza a funcionar a Biblioteca Penzol na cidade de Vigo, rexida pola fundación homónima e dirixida por Francisco Fernández del Riego. Polo padroado desta fundación pasaron os grandes nomes do galeguismo histórico, como Otero Pedrayo, Gómez Román ou Carballo Calero. Moitos destes persoeiros, e máis os que se sumaron nos tempos escuros, axudaron a facer aínda máis grande a biblioteca ao doar os seus arquivos e fondos persoais.

No ano 1985, a Fundación Penzol asina un convenio co Concello de Vigo polo que a sede coa súa biblioteca pasan á antiga casa consistorial viguesa. O Concello de Vigo asume os gastos de funcionamento e equipamento da biblioteca, que xa contará persoal técnico. Nove anos despois, nace a Casa Galega da Cultura, ampliada e remodelada, acollendo tamén este edificio a Biblioteca e Museo de Francisco Fernández del Riego.

Os fondos bibliográficos da Penzol conteñen 40.000 libros, 106 manuscritos e 2.370 publicacións periódicas. O seu arquivo conten documentos de todo tipo dende o ano 1135. Complétanse os seus fondos con cartografía variada, gravados e coleccións diversas.

A exposición ofrécese como unha homenaxe de lembranza comunitaria a un gran mecenas galeguista, que soubo concretar o seu amor pola nosa terra nunha oferta rica pola historia pasada que recolle pero sobre todo fértil polo horizonte de futuro que sinala.

Os comisarios María Dolores Cabrera e Henrique Monteagudo artellaron a exposición arredor de tres núcleos temáticos: a singradura biográfica de Fermín Penzol; o significado histórico da Fundación Penzol; e a propia importancia da Biblioteca Penzol.