A rexedora local recoñece que as conversacións coa promotora están avanzadas, pero aínda pendentes do visto bo da corporación e dos axentes sociais
Clara Millán González naceu fai 41 anos no barrio cangués de Liméns. Estudou Filoloxía Románica en Santiago. Milita no Bloque desde fai 18 anos e iniciouse na política institucional en 1999. Tivo responsabilidades de goberno, ao fronte da concellería de Ensino; foi deputada provincial ata fai uns meses, cando foi elixida alcaldesa de Cangas. Próxima a Quintana, é membro da Executiva Nacional do BNG
-¿Como ve Cangas?. ¿Cales son as principais carencias?
-As deficiencias más salientables son a falla de equipamentos. Fan fala equipamentos sanitarios, sociais, un centro de día e garderías. É prioritario un novo centro de saúde para Aldán e O Hío, un área de hospitalización para O Morrazo, equipamentos educativos, aínda que se están dando pasos co remate da ampliación do colexio de Nazaret e a próxima construción do novo colexio de Castrillón. Necesitamos conseguir o saneamento e abastecemento integral. En canto ao centro da vila, é fundamental por en valor o casco vello. Para iso empezamos polo plan de humanización do Eirado do Señal e seguiremos coa praza da Constitución, a ampliación de beirarrúas de Eduardo Vincenti e a praza do Arco. Queremos devolverlle aos veciños o espazo urbano.
-Existe certa confusión sobre as negociacións sobre Massó. ¿Hai negociacións formais?
-Existen conversacións. Eu tiven varias con representantes da promotora que quere desenvolver Massó e tamén cos axentes sociais que teñen ou tiveron algo que ver.
-¿Como están?
-Desde o meu punto de vista, están avanzadas, pero non haberá resposta definitiva ata que haxa un acordo no grupo de goberno, na corporación e cos axentes sociais aos que antes facía referencia. Hai unha proposta da promotora que valoraremos.
-¿Haberá porto deportivo e urbanización?
-Se chegamos a acordo, si
-¿Que opina do referendo que propón Mariano Abalo?
-Para facer un referendo hai que ter moi claro o que se pregunta. Cando o concelleiro me aclare a pregunta, poderei contestar. Poderíase preguntar si se está de acordo coas propostas da promotora, se deben devolver os terreos aos veciños ou ben se debe seguir sendo solo industrial.
-Polo que parece, están negociando, ou como di vostede, conversando, o concelleiro de Urbanismo, o de Servizos, a propia alcaldía. ¿Hai roces no tripartito?
-Non. Ningún. O concelleiro de Urbanismo ten a obriga de ter estas conversacións. Non hai ningún tipo de malestar. Non hai malas relacións
-¿Existen conversacións sobre os terreos de Aldán nos que Promalar proxectaba unha gran urbanización?
-Os promotores non se puxeron en contacto comigo Do convenio de Aldán non tiven ningunha información.
-¿Ten un proxecto claro para Cangas? ¿Comparte a idea de que está chamada a ser unha pequena cidade?
-Cangas debe ser un pobo turístico e residencial, pero nunca debemos esquecer as nosas raíces, que están na pesca. O sector pesqueiro segue a ser o sector produtivo básico deste concello. En canto ao de pequena cidade, e sen faltarlle ao respecto a ninguén, considero que é un resgo de persoas con complexos que queren converter un pobo en algo que non é. Cangas é unha vila e quere seguir sendo unha vila, con todos os servizos dunha cidade. Estamos satisfeitos do tamaño da nosa vila, coas nosas parroquias e aldeas. Quen queira vivir nunha cidade non ten más que cruzar a ría.
-Vostede é a presidenta da Mancomunidade do Morrazo. As queixas sobre o servizo do lixo son continuas. ¿Que previsións ten?
-Recoñezo que é un servizo deficiente e que temos que buscarlle solución o antes posible, adxudicándoo novamente. Debemos lembrar que a empresa foi contratada en precario por tres meses e leva tres anos e no contrato non se incluíu a renovación dos contedores, que algúns teñen dez anos de antigüidade.
-¿Cando se vai adxudicar?
-Estamos elaborando as bases. Quero adxudicalo o antes posible, pero os trámites son lentos. No verán ten que estar contratado e se podemos, en Semana Santa.
-¿Vai cambiar substancialmente o servizo?
-Vamos ir a outro modelo de contedores, a limpeza será periódica e a recollida, diaria, incluídos os domingos e os días festivos.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios