Unha asociación entregará libros á policía nacional e á Garda Civil para normalizar o uso do galego

VIGO

30 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Nas vindeiras festas dos patróns do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil, os días 2 e 12 de outubro, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística fará entrega, a todas as persoas presentes nos actos oficiais, dos once relatos policiais que integran a colección Contos de Agardar .

Esta colección forma parte da campaña emprendida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística En galego, con toda seguridade, que pretende galeguizar progresivamente ao sector dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia, mediante un convenio de colaboración, as actuacións desta entidade. Contos de agardar é unha colección de relatos breves -de temática policial- feitos por escritores galegos da que se van distribuír 60.000 exemplares de forma gratuíta nas comisarías e no resto de dependencias das forzas de Seguridade ubicadas en Galicia (oficinas do DNI, cuarteis da Garda Civil, etc.). Son 11 relatos diferentes feitos especificamente para esta colección por Rosa Aneiros, Xavier Alcalá, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Navia Franco, Salvador García Bolaño, Carlos G. Reigosa, Xosé Neira Vilas, Antón Riveiro Coello, Helena Villar e o propio xefe superior do Corpo Nacional de Policía en Galicia, Luís García Mañá.

A campaña En galego, con toda seguridade seguirá, xa en contacto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da sinatura dun convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Policía e a Garda Civil, para adecuar estas dependencias policiais ao réxime da cooficialidade lingüística.

Dereito recoñecido

Xoaquín Monteagudo, presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, explica no limiar dos diferentes relatos que a policía asume o feito de que a Constitución e o Estatuto de Autonomía lle recoñecen ao galego a condición de idioma oficial de Galicia e a circunstancia de que é fala utilizada a cotío pola maioría dos cidadáns.

«Os cidadáns poden dirixirse en galego aos policías con toda naturalidade de forma oral e por escrito. E tamén teñen todo o dereito do mundo a que os policías os atendan nesa lingua», sinala o presidente da asociación galeguista.

Dende a mencionada asociación se recoñece o compromiso que a policía asume na promoción e defensa do idioma galego.

As entregas de libros faranse nos actos das festividades dos Anxos Custodios, o 2 de outubro, e a Virxe do Pilar, o 12 do mesmo mes.