Ferrol ten desde onte a primeira rúa de Galicia dedicada a Merlín

TELEVISIÓN

Da efixie do nigromante, obra de Pérez Porto, «saíron» este sábado tres pombas

23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Era un dos últimos desexos de Lorc, de José Lorente de Castro, dun dos grandes mitos da maxia galega, que antes de falecer o pasado mes de setembro lograra reunir máis de medio millar de sinaturas para que Ferrol contase coa primeira rúa de Galicia dedicada á figura de Merlín. E o seu desexo cumpriuse onte, coincidindo co aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, o día que as cidades de Ferrol e Mondoñedo lembraban xuntas ao escritor mindoniense. En San Xoán de Esmelle, moi cerca da fraga á que a lenda quere sempre chea de fadas e encantamentos, está xa a rúa que leva o nome do mago da tradición artúrica. Alí, entre pedras milenarias e muíños, colocouse onte a escultura cerámica de Francisco Pérez Porto que recordará ao rei dos nigromantes, ao facedor de prodixios que Cunqueiro trouxo a Galicia na súa máis inmortal novela, Merlín e familia. E entón, no aire... En medio do acto, dun acto que reuniu a prestidixitadores de toda Galicia e ao que non faltou o infatigable Manolo Montero, o Nigromante de Mondoñedo, saíron tres pombas da escultura de Pérez Porto. «Son Lorente, Cunqueiro e Merlín», explicaba o Mago Antón, ante a emoción de Julia, a esposa de Lorc, que actuou á beira do mago ferrolán, durante décadas, por escenarios do mundo enteiro. «Estouvos moi agradecida a todos», exclamaba a esposa de Lorente. «A el ?engadía? todo isto lle facía moita ilusión, e eu teño que darvos as grazas sen parar, porque a maxia era a súa vida, e así agora segue estando aquí». Tamén o concelleiro de Cultura ferrolán, José Manuel Couce Fraguela, amigo persoal de Lorente, estaba onte emocionado. «Lorente foi un artista universal ?dixo?, un home que levou o nome de Ferrol polos cinco continentes e que é un mito da maxia». O Teatro Jofre, que onte á noite acollía un festival de maxia, coordinado polo Mago Antón, tamén en memoria de Lorente de Castro, será escenario, todos os anos, dun festival internacional de prestidixitación. A idea de celebrar este festival anual, que levará o nome de Lorc&Julit ?como tributo ao dúo artístico que Lorente formaba coa súa esposa?, partiu do propio Antón. Desde o Concello sinalan que «a maxia ten que ter un lugar de honra nun teatro ao que Lorc lle quería tanto». Para José Manuel Couce Fraguela, «un festival así ten que ser unha referencia que vaia máis alá de calquera fronteira».