Patrocinado por:

A Galipedia cumple mañá oito anos

Redacción digital

OCIO@

Para conmemorar o aniversario, a enciclopedia organizará un reto para o vindeiro 12 de marzo consistente en crear máis de 500 artigos novos ese día.

09 mar 2011 . Actualizado a las 21:18 h.

A Galipedia, ou o que é o mesmo, a enciclopedia libre en Internet e en galego, celebrará mañá o seu oitavo aniversario. A Galipedia comezou a súa andadura o 8 de marzo do 2003 e actualmente xa ten máis de 68.800 artigos de todos os eidos, aportados por colaboradores voluntarios expertos nun tema.

A Galipedia é unha das enciclopedias mantidas pola Fundación Wikimedia (organización sen ánimo de lucro) da que o máximo expoñente é a Wikipedia en inglés. Ao seu valor enciclopédico engádeselle o seu valor de mantemento do idioma galego, xa que este proxecto crea todos os seus contidos dentro da normativa da Real Academia Galega. Outro punto a destacar é a súa licenza libre, coma todos os proxectos da Fundación Wikimedia. Por outra banda, a calidade dos artigos desta enciclopedia está fóra de calquera dúbida xa que na lista das enciclopedias de Wikimedia está na posición 33 de entre as máis de 250 que existen.

A Galipedia medra día a día grazas aoó esforzo dos seus colaboradores, a un ritmo duns 1.000 artigos ao mes. Pero, coma o resto de proxectos da Fundación, o maior reto deste proxecto é conseguir novos colaboradores que fagan que os artigos existentes sexan cada día mellores, achegando nova información e puntos de vista.

Para celebrar este aniversario, a enciclopedia está organizando un novo reto para o vindeiro día 12 de marzo que consiste en crear máis de 500 artigos novos ese día. Os participantes que o desexen poden inscribirse nunha páxina especial e aos editores que fagan máis artigos váiselles agasallar o seu esforzo cunha camiseta da Wikipedia.

Con esta finalidade, desde a Galipedia animan a todos os interesados a participar nesta iniciativa e a celebrar o oitavo aniversario coa súa comunidade.