«Teño tido algún problema coa igrexa por facer este personaxe»

C. CRESPO VILAGARCÍA

AROUSA

O cómico presenta esta noite en Cambados o seu espectáculo «A.M.E.N. (Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas)»

10 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na súa particular cruzada nocturna contra o pecado, o Padre Merino, personaxe creado polo cómico Fran Campos, visita esta noite (23.00 horas) o pub Pilón de Cambados.

-O que fai vostede non é exactamente un monólogo, non si?

-Tecnicamente si, porque estou eu só en escea. Pero é certo que non é o típico monólogo que estamos acostumados a ver, por exemplo, en El club de la comedia. Eu mesturo as miñas historias con música en directo, xogos de maxia e, sobre todo, con moita participación do público. Eles son o cincuenta por cento do meu espectáculo.

-Cando e como naceu Padre Merino?

-Xurdeu hai cinco anos dun exercicio de improvisación nun obradoiro de teatro. Vin que o personaxe podía dar xogo e montei un espectáculo para el.

-Como lle deu por sair a «evanxelizar» pola noite?

-Padre Merino deuse conta de que, nestes tempos, para chegar á xente hai que ir onde estan eles. Así que vai aos pubs e as tabernas para falarlles, sobre todo, dos pecados capitais.

-Cal é o que máis lle ocupa?

-A luxuria, por suposto. E el sabe do que fala porque antes de ser cura tivo aventuras carnais.

-Ten tido algún problema coa igrexa por conta deste personaxe?

-Un par deles, sin importancia. Pero non só coa igrexa. Tampouco é fácil que Padre Merino saia en televisión.

-Pero os cómicos han de ser irreverentes...

-Deberían selo, xa que coa excusa do humor podemos falar das cousas importantes.

FRAN CAMPOS (PADRE MERINO) MONOLOGUISTA