«Non se pode falar de turismo deixando de lado a nosa ría»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Afronta o seu cuarto mandato con maioría absoluta e asegura que a confianza depositada polos veciños é o mellor premio que pode recibir

16 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

ISAAC MACEIRAS RIVAS ALCALDE DE A POBRA

Para Isaac Maceiras e para o seu equipo as eleccións só supuxeron un breve paréntese e, como afirma o propio rexedor, que acaba de conseguir a súa cuarta maioría absoluta, os concelleiros «puxéronse a traballar ao día seguinte da investidura».

-¿Cal cre que é o motivo da confianza dos veciños comicios tras comicios?

-Os programas están para cumprilos e os veciños saben que nos cumprimos. O esforzo que estamos facendo foi captado polos cidadáns. O primeiro que fixen na toma de posesión foi darlles as grazas. Eu estou seguro de que, por moitos premios que poida ter na miña vida, o máis importante é a confianza do pobo. O máis importante que ten este pobo é que vive en paz. Existe un clima de respecto, diálogo e proximidade. Este goberno loita sempre polo progreso e polo beneficio do pobo.

-Seguro que A Pobra pode dar moito máis en todos os campos, ¿non cree?

-Este é un pobo en constante movemento. Temos o porto de descarga de túnidos máis importante, e vai a máis. Nós comprometémonos co emprego, algo que se manifesta na ampliación do polígono de A Tomada, co crecemento económico e coa atención dos maiores. A Pobra ten un futuro moi esperanzador. É un pobo fermoso, situado a trinta quilómetros de Santiago e está sendo un referente. Os fins de semana temos media ducia de autobuses de xente que ven dende Santiago a visitar A Pobra. Nós estamos chamados a ser o mar e a gastronomía de Compostela.

-Pero supoño que hai cousas que pensa que son mellorables por parte do seu goberno.

-Unha das materias pendentes é o pequeno comercio. Potenciamos o mercado municipal, que debe ser e está sendo o motor da economía, pero temos que impulsar o pequeno comercio. Hai que darlle un empuxe. Hai que facer un proxecto de futuro neste campo que pasa por un proceso de actualización. Temos que lograr que a xente merque na Pobra, porque actualmente vai facer as súas compras a outros sitios. Debemos traballar conxuntamente coas asociacións porque a unión fai a forza. Non podemos tirar cada un polo seu lado.

-¿Que pode aportar o seu equipo de goberno?

-A experiencia é importante. Trátase de persoas que coñecen ben as súas áreas de actuación. Agora ben, sempre hai que mellorar e aprender dos erros.

-¿Cal é o seu gran reto para os vindeiros anos?

-A creación de novos servizos necesarios, como a construción dunha gardería. Outra actuación importante que temos en mente é a rehabilitación do teatro Elma, creo que está ao noso alcance facer un gran proxecto. A nivel turístico temos diversas iniciativas. Non se pode falar de turismo deixando de lado a nosa ría. O que pretendemos de inmediato, conxuntamente co alcalde de Vilanova e coas deputacións provinciais, é facer a ruta de Valle-Inclán entre Vilanova e A Pobra, así como outra ruta que se achegue tamén ata A Illa e O Grove. Tamén queremos potenciar a do Apóstolo, entre Vilanova, A Pobra e Padrón. A ría ten unhas peculiaridades únicas e hai que explotalas.

-Sen embargo, a infraestrutura hostaleira aínda é escasa.

-Na Pobra temos 127 prazas en hoteis. Os empresarios teñen que concienciarse de que temos unha zona que está sen explotar turisticamente. Hai que apoiar aos empresarios que queiran apostar por este lugar.

-En varias ocasións aludiu á creación do macropolígono, ¿non cree que neste momento os seus froitos poden ser bastante menores que os de hai catro anos?

-Eu entendo que facer un millón de metros cadrados neste momento de crise é un pouco complicado. Considero que debemos facelo por fases. Se nós temos vendidos 300.000 metros cadrados, sobre eses hai que actuar para habilitar espazo.

-¿Como ve a situación do empresariado en Arousa norte?

-Arousa norte é unha zona privilexiada de Galicia. Non dependemos do ladrillo, senón do sector pesqueiro. As conserveiras asentadas aquí son líderes no mercado e apostan de xeito forte pola innovación. Entre Ribeira e Boiro fanse todas as marcas brancas que hai no mercado. O que temos é que ver a posibilidade de ampliar mercados e de que haxa outras alternativas laborais. Neste sentido, é fundamental a ampliación do muelle comercial.

«Os empresarios teñen que concienciarse de que temos unha zona sen explotar»

«Temos que lograr que a xente merque na Pobra, porque agora faino fóra»