Tribuna

Moi difícil de eliminar


02/12/2016 05:00

Aloita contra as especies exóticas invasoras é unha liña de traballo dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, tratando de combater este problema ambiental, social e económico. Unha das especies máis prexudiciais e difíciles de erradicar é a herba da pampa (Cortaderia selloana), planta orixinaria de América do Sur e que en Galicia se estende sobre todo pola zona costeira e polo Eixo Atlántico seguindo a traza da AP-9.

A planta chegou a Galicia no século pasado para un uso ornamental, debido á vistosidade dos plumachos e ao seu rápido crecemento, e foi utilizada tamén como medianeira en autopistas.

En canto aos seus efectos, ten unha alta capacidade de modificación do hábitat no que se instala debido á súa estrutura vexetativa, desprazando outras especies herbáceas e colonizando rapidamente amplas extensións de terreo nu, cunha elevada dificultade e custe para o seu control. É tamén unha especie pirófita que coloniza térreos tras os incendios, e favorece tamén a propagación destes.

Neste senso, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo está a traballar de xeito coordinado con distintos axentes nunha estratexia para a identificación e seguimento, así como para lograr o control dunha maneira coordinada, sobre todo cos concellos, que son os que están facendo maiores esforzos para o seu control. Así, dita estratexia pasa por catro piares fundamentais: a divulgación e concienciación; a prevención; o control e a erradicación; e o establecemento de novas normas e ordenanzas.

O problema é de todas as persoas que vivimos aquí, e todas podemos contribuír a resolvelo desde a nosa área de actividade.

Votación
3 votos
Etiquetas