Case todo o importante

CABANAS

23 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Levar a túa nena ao colexio, encontrar entre as páxinas dun libro a foto de túa nai que dabas por perdida, recibir no teléfono móbil unha mensaxe escrita con letras maiúsculas na que alguén che recorda que en contra do que poida parecer sempre hai un corazón amigo ao outro lado, comprobar que as pombas volteadoras do veciño seguen agardando por ti cada mañá para dicirche ola diante da túa casa aínda que o trigo que lles compraches no último muíño xa se acabase, ver saltar un esquío entre as ramas das árbores que están en Cabanas ao pé da praia da Magdalena mentres polos sendeiros cubertos de arume corren os maratonianos, ler a don Juan Benet no silencio da noite, volver ás películas nas que John Ford fala da reconciliación sen dividir o mundo entre bos e malos, pasear á beira dos pequenos ríos que parecen ter sido creados para que só poidan navegalos barcos de xoguete, cruzarte ao pé do castro de Lobadiz cun lagarto xigante que estuda para dinosaurio, presenciar a posta do sol desde calquera dos cotos que miran ao Atlántico, camiñar ata a mámoa da que os antigos dicían que resucitará un rei montado no seu cabalo, soñar que un día atoparás nun cartapacio forrado de coiro un descoñecido gravado de Durero no que hai cisnes voando e, por suposto, escribirlles tamén hoxe aquí, co aroma quente do café envolvendo o papel e a tinta do domingo, aos que máis queres.