Tanto cambio

CERVANTES

26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Entre as supersticións modernas máis estendidas está, como non ignoran, a crenza de que unhas tecnoloxías substitúen por completo a outras, transformando da noite á mañá o que despois, coma case todo, non cambia tan rápido. E así seguimos preguntándonos, sen descanso, se en verdade os libros impresos en papel desaparecerán para deixarlle o seu lugar aos electrónicos. Aínda que mentes tan lúcidas como a do profesor Umberto Eco estean convencidas de que o que hoxe chamamos libro é, igual que a roda, un invento dificilmente mellorable. «A aparición dos ordenadores non fixo desaparecer os bolígrafos», di Vari Caramés; permítasenos citar, unha vez máis, aos clásicos. As novas tecnoloxías, no que respecta á comunicación, traen consigo, obviamente, maneiras de relacionarnos cos demais que ata hai pouco eran impensables. Case todos temos hoxe algún amigo ao que só coñecemos a través da Rede, como se vivise dentro do noso ordenador. ¿Pero acaso é malo poder falar, a calquera hora do día, con quen vive, por exemplo, ao outro lado do Atlántico...? Mellor sería poder tomar un café con ese amigo, claro, pero a distancia física, mar por medio, fai iso un pouco máis complicado, ¿non lles parece? Convén que vaiamos aceptando que a realidade virtual tamén é realidade. Igual que é absolutamente real a carta, escrita a lapis, de quen xa deixou este mundo hai anos. Esa que seguimos acariciando a diario porque, dalgunha maneira, nos fala. ¿E quen non soñou algunha vez, a ver, con atopar o manuscrito do Quixote, os papeis de Cervantes?