Lugar a protexer

Augusto Pérez Alberti

DUMBRÍA

12 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non cabe dúbida de que o monte Pindo é un lugar singular. Por varias razóns. Porque no seu interior atópase unha ringleira de formas graníticas espectaculares; porque é un marabilloso lugar dende o que lanzar a mirada en todas as direccións; pola existencia no seu interior de especies de flora e fauna moi significativas, sen esquecernos dos valores históricos e etnográficos. Destaca pola riqueza de formas graníticas, dende aquelas que debuxan cúpulas pétreas, caso da propia Moa, ata as que se recortan cara o ceo a modo de cristais ou castelos, ou que presentan formas antropoformas ou zoomorfas. E, por suposto, as que labrou o Xallas no seu camiño cara o mar, caso das grandes marmitas de xigante ou a propia fervenza do Ézaro. Todo o anterior hai que poñelo en relación coa importancia crecente da xeodiversidade, da potenciación de lugares sobresaíntes pola existencia de formacións rochosas ou de de formas que sobresaen na paisaxe. Porque a paisaxe do Pindo é claramente diferente das terras do arredor. Unha paisaxe marcada pola rocha granítica e, de xeito especial, pola combinación de formas que se encadean. Así, por valores naturais, paisaxísticos, bioxeográficos, históricos e etnográficos, o monte Pindo debe ser un lugar a protexer. Non sei se coa figura de parque natural ou de monumento natural ou paisaxe singular. E, iso é importante remarcalo, a protección debe ir acompañada dun plan de uso e xestión, ben definido e que axude a mellorar a calidade de vida dos veciños.