«Educamos na procura dunha sociedade máis xusta»

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

07 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Temos moita demanda sobre todo nas aulas que xa están concertadas. Pero agora, coa secundaria xa instaurada, queda dar un pasiño máis», di Mabel Gautier, a directora de Andaina.

-¿Como procuran novos profesores?

-Con certas dificultades porque Andaina esixe un pouco máis ca unha xornada convencional, e en secundaria é difícil atopar perfís que poidan ter unhas xornadas completas. Os procesos de selección son esixentes. A corresponsabilidade é total, non hai outra; aquí ninguén mira para outro lado se ve facer unha trasnada a un neno que non é da súa aula. Din os rapaces que isto é coma unha familia e dalgunha maneira o é.

-¿Como foron estes primeiros anos?

-O noso foi unha aventura. Comezamos xestionando unha escola municipal 0-6 no Concello da Coruña e, recollendo a demanda dos pais de que o modelo tivese continuidade e non quedase na etapa de infantil, decidimos dar o grande salto. Practicamente non tiñamos consolidada unha fase cando nos metiamos noutra. No 2000 mercamos o solar, hipotecámonos, construímos o edificio en seis meses, abrimos infantil e primaria, cinco anos despois secundaria, ata hoxe, sen parar. Houbo que buscar financiamento, amplia-lo equipo, sobrevivir sen concerto educativo durante os primeiros anos?

-Pero foi posible.

-Si, as dificultades foron grandes pero non nos desanimamos. E pagou a pena. Dedícamonos ao ensino na procura dunha sociedade máis xusta, e estes rapaces que deixan Andaina levan a base para facelo.