A herdanza de precursores como Santalices ou Feijoo

La Voz

SOCIEDAD

23 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A recuperación e transmisión da música tradicional de Galicia foi unha labor inxente na que destacan algúns nomes que protagonizaron o estudo e interpretación duns sons que non serían o que hoxe se coñece sen a súa intervención. Un dos nomes que merece figurar no panteón de honra de defensores da música galega é Faustino Santalices (1877-1960), que está considerado o investigador máis importante de zanfona en España da primeira metade do século XX.

Este completo músico -ademais da zanfona, tocaba tamén outros instrumentos como a gaita e cantaba- realizou as súas primeiras gravacións en 1929 -aínda que outras investigacións falan de 1927-. Alí aparece Santalices cantando e tocando a zanfona en temas como Canto de romería ou Canto de Seitura . Nas mesmas gravacións tamén se pode escoitar a súa gaita en cancións como Muiñeira de Cartelle ou Alborada antiga de Ourense . Santalices volvería a gravar música tradicional galega moitos anos despois, concretamente en 1949 xa con 73 anos.

O primeiro disco galego

Outro dos grandes protagonistas na dignificación da música do país foi Perfecto Feijoo (1858-1935), que ademais de ter contribuído ao carnaval pontevedrés co loro Ravachol -agora protagonista da festa, pero unha ave real a principios de século que habitaba na farmacia de Feijoo-, fundou en 1883 a agrupación Aires da Terra, fundamental para entender a música galega. Feijoo foi tamén é protagonista, xunto o empresario coruñés Pedro Ferrer, do primeiro disco que se gravou en Galicia, realizado en A Coruña en 1904.

Os sons que aparecen nos dez volumes da colección O son e a terra traen á memoria algúns dos grupos de gaiteiros máis famosos da historia. Nun lugar de honra aparecerían os gaiteiros de Soutelo de Montes, agrupación liderada polo mítico Avelino Cachafeiro (1899-1972).

Este combo levou a música galega por toda a península e diversos países de América, converténdose nas primeiras décadas do século pasado nun fenómeno sociolóxico, que incluso provocou que existan composicións dedicadas por outros músicos a esta banda. Un exemplo é a melodía titulada O gaiteiro de Soutelo , que aparece na colección O son e a terra . É a mostra da consolidada fama que tiña un Cachafeiro que xa a mediados dos anos vinte foi nomeado mellor gaiteiro de Galicia nun solemne acto celebrado en Santiago.