Dous dos irmáns non asistiron ao 80% das clases ao longo dun curso.
Traballos en beneficio da comunidade cinco horas ao día durante tres meses e pagar as costas do xuízo. Nisto tradúcese a condena de tres meses de cárcere que o Xulgado do Penal número 3 de Santander impuxo aos pais de tres nenos por permitir que estes se ausentasen do colexio «sen ningunha escusa válida».
Segundo indica a sentenza, os acusados, que recoñeceron os feitos ante a xuíz, promoveron a «completa inasistencia» da filla maior ao instituto do Alisal, en Santander, coa escusa de que tiña que coidar dun irmán menor, mentres que os dous irmáns homes faltaron a un 80% das clases ao longo dun curso no colexio Gerardo Diego.
As ausencias destes menores do seu centro escolar rexistráronse sobre todo no curso 2004-2005 e en menor medida tamén noutros anteriores. A maxistrada Paz Aldecoa considera que os pais -R.M.V. e R.L.L.-cometeron un delito de abandono de familia ao impedir a educación dos seus tres fillos, que nese momento tiñan 12, 15 e 17 anos, «sen ningunha xustificación», recalca o fallo.